Borja Verea reclamou hoxe no Parlamento de Galicia unha nova etapa para Santiago baseada na confianza, a ambición e o orgullo de cidade, tras advertir da preocupante evolución dos principais indicadores turísticos da capital galega nos últimos meses.

Durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, o deputado popular sinalou que os últimos datos turísticos de Santiago son “moi preocupantes”, e lembrou que Compostela foi a cidade española na que máis caeu a rendibilidade hoteleira ata abril, ademais de acumular meses de malos resultados en ocupación, pernoctacións e actividade turística.

Ante esta situación, Verea considerou que “xa vai sendo hora de dicir algo con claridade: o turismo non é un inimigo de Santiago”. Ao contrario, subliñou que esta actividade “forma parte da nosa identidade, da nosa economía e tamén da vida de miles de familias que viven directa ou indirectamente dela”.

O deputado popular mostrou a súa preocupación polo que definiu como un goberno local “instalado permanentemente na sospeita cara ao turismo”, máis preocupado, ao seu xuízo, por impulsar límites, taxas ou mensaxes negativas que por defender unha estratexia ambiciosa para a cidade.

“Santiago non pode resignarse a perder peso turístico mentres outras cidades avanzan”, advertiu.

Verea insistiu en que o debate non consiste en apostar por un turismo masificado nin descontrolado, senón en facer compatible a convivencia, a calidade de vida e a ambición de cidade. Nese sentido, defendeu que é necesario ordenar a actividade turística e protexer o casco histórico e a convivencia veciñal, pero tamén apoiar o emprego, a hostalaría, o comercio e a proxección internacional de Santiago.

O deputado popular asegurou que quere “unha cidade aberta, viva e con confianza en si mesma”, un Santiago que “volva liderar, que volva atraer e que deixe atrás esa visión negativa sobre un dos grandes motores económicos e sociais da cidade”.

Finalmente, mostrouse convencido de que Santiago abrirá “unha nova etapa tamén nesta cuestión”, caracterizada por unha maior confianza, máis ambición e máis orgullo de cidade.

“Porque o peor que lle pode pasar a Santiago é seguir pensando en pequeno”, concluíu.