O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, manifestou a súa preocupación polas importantes eivas que presenta a remodelación do complexo deportivo de Santa Isabel, recentemente inaugurado polo goberno de BNG e CA. “Aínda que a actuación incorpora aspectos positivos, como a apertura dun novo acceso ao recinto que mellora a circulación de usuarios, -dixo- a realidade é que as obras deixan sen resolver problemas fundamentais e xeraron outros novos, que afectan a deportistas, clubs e espectadores”.

“Un dos aspectos máis preocupantes -subliñou o edil popular- é a carencia de sistemas adecuados de extracción e renovación de aire, o que unido á decisión de substituír as antigas fiestras abatibles por fiestras fixas, provoca unha falta de ventilación no interior e unha notable sensación de bochorno, o que convirte o pavillón nun forno sen ventilación”. 

De la Fuente explicou que “as condicións actuais resultan preocupantes para a práctica deportiva e poden agravarse notablemente nos días de máis calor, afectando directamente ao benestar dos usuarios. De feito, o propio día da inauguración, cunha temperatura exterior moderada e co pavillón practicamente baleiro, as pouco máis de vinte persoas presentes xa percibimos unha sensación de calor e falta de confort pouco habitual”. 

“A esta situación, -remarcou- súmase unha oportunidade perdida na piscina municipal, xa que as obras non aproveitaron as obras para facer un acceso accesible ás bancadas para o público, manténdose o percorrido anterior, que obriga a usar numerosos tramos de escaleiras exteriores e afastadas do acceso principal, unha circunstancia que dificulta enormemente a asistencia de persoas con mobilidade reducida, maiores e familias, perpetuando un problema que a reforma debería ter corrixido”.

José Ramón De la Fuente criticou que a importante reforma de Santa Isabel non servise para aumentar a oferta deportiva da cidade nin para solucionar a histórica falta de espazos que sofren os clubs composteláns, limitándose a unha renovación do edificio sen achegar respostas ás necesidades reais do deporte local.

“Ao revés, -dixo- suprimiuse a instalación de baños de vapor das piscinas de Santa Isabel, servizo moi usado e demandado polos usuarios, que cando volveron se atoparon con que o equipamento fora eliminado sen información previa, nin alternativas, o que supón un claro recorte na calidade dos servizos ofrecidos nesta instalación municipal, ao quitar un servizo moi demandado, que, a día de hoxe, segue publicitando na súa páxina web, a pesar de non ofrecela”.

Para o edil popular, “as obras, encargadas polo goberno de BNG e CA, debían ter servido para modernizar e mellorar prestacións, non para eliminalas ou reducilas, sen atender á demanda cidadá, polo que esixe ao goberno nacionalista que explique, de xeito inmediato, os motivos para esta decisión, que faga públicos os informes técnicos que o avalen, se é que existen, e, sobre todo, que se comprometa á reposición urxente deste servizo ou ofreza aos usuarios unha compensación pola súa eliminación”.

“O Partido Popular de Santiago -remarcou o concelleiro popular- asegura que a reforma das instalacións de Santa Isabel non cumpriu co obxectivo de mellorar de forma efectiva o servizo aos usuarios e ao deporte compostelán, polo que esixiu corrixir as deficiencias detectadas e impulsar novas instalacións deportivas para dar resposta á crecente demanda da cidade”.