O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, cualificou de “totalmente inadmisible” a situación das obras da rúa García Lorca e reclamou que “algún responsable do goberno de BNG e CA asuma as consecuencias dunha xestión que considera “sen precedentes” na cidade”.
Villa lembrou que “esta actuación comezou no mes de agosto de 2025 e que, segundo as previsións iniciais, debería estar rematada en decembro de 2026, pero a realidade é moi distinta, xa que a última información coñecida confirma que os traballos non se retomarán ata o próximo mes de setembro, tras meses de paralización e de numerosos problemas ao longo da execución do proxecto”.
“Isto -dixo- evidencia o fracaso na planificación e seguimento dunha obra que afecta directamente á vida diaria da veciñanza, porque estamos ante outra xestión nefasta do goberno nacionalista que non pode quedar sen consecuencias políticas”.
O edil popular advirte de que, “se non se producen novos atrasos, a actuación non estará rematada ata decembro de 2027, o que suporía acumular dous anos completos de molestias para os residentes da zona e que, durante todo este tempo, as veciñas e veciños terán que convivir con rúas levantadas, dificultades de acceso e importantes problemas de mobilidade e accesibilidade”.
“Estamos a falar dunha situación insostible para a veciñanza, que leva demasiado tempo soportando as consecuencias dunha obra mal planificada e peor xestionada”, reiterou Adrián Villa.
Finalmente, o popular insistiu en que “o goberno de BNG e CA debe asumir responsabilidades por unha situación inaceptable e que está a provocar un grave prexuízo para os residentes da contorna de García Lorca. “Non se pode consentir que unha obra desta importancia acumule tantos atrasos e tantos problemas sen que o goberno nacionalista dea explicacións nin asuma responsabilidades”, concluíu.