O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou que “as deficiencias detectadas no renovado complexo deportivo de Santa Isabel e advertidas publicamente quedaron plenamente confirmadas durante a celebración, a pasada fin de semana, no Campionato Nacional de Baloncesto 3×3 U17, organizado nesta instalación a Federación Galega de Baloncesto”.

“As queixas de deportistas, técnicos, acompañantes e público -explicou- foron xeneralizadas, por mor das extremas condicións de calor rexistradas no interior do pavillón e foron numerosos os asistentes que  trasladaron o seu malestar, por unha situación que cualifican de impropia dunha instalación que acaba de ser obxecto dun importante investimento público”.

De la Fuente lembrou que “non son as primeiras queixas que se producen, xa que os clubs e deportistas composteláns, que usan habitualmente estas instalacións, levan semanas denunciando as condicións nas que teñen que adestrar, ata o punto de que algún equipo decidiu incluso acortar os seus adestramentos”.

Segundo o edil popular, “o acontecido esta fin de semana non pode considerarse unha circunstancia imprevisible, posto que, hai apenas uns días, xa advertimos de que a ausencia de sistemas eficaces de extracción e renovación de aire e a substitución das antigas fiestras abatibles por outras fixas podía xerar graves problemas de ventilación e confort térmico para os usuarios. Lamentablemente, os acontecementos demostraron que aquelas advertencias estaban plenamente xustificadas”.

José Ramón de la Fuente agregou que, “tal foi a situación que tiveron que desmontar algunhas das fiestras fixas recentemente instaladas e substituílas por unha simple reixa, atada con bridas de plástico, co fin de permitir a circulación do aire, polo que demos aos equipos e espectadores procedentes de toda España unha imaxe lamentable”.

O concelleiro popular considera especialmente preocupante que, a pesar das críticas trasladadas por usuarios e clubs dende a reapertura das instalacións, o goberno de BNG e CA optase por ignorar os avisos e non ofrecese, ata o momento, ningunha explicación nin anunciase medidas correctoras.

De la Fuente lembrou que “Santiago non pode permitirse proxectar esta imaxe, xa que estas instalacións deben reunir unhas condicións adecuadas para a práctica deportiva e para a celebración de eventos deste nivel, algo que, ao seu xuízo, hoxe non está garantido en Santa Isabel”.

“O goberno nacionalista -agregou- atopouse co financiamento das obras asegurado polo anterior goberno, tivo a oportunidade de licitar a redacción do proxecto e as obras, e fracasou claramente por querer aforrar uns poucos cartos”. 

O edil popular subliñou que “despois de gastarse máis de 2,6 millóns de euros, os usuarios merecen instalacións modernas e funcionais, non un recinto que apenas unhas semanas despois da súa inauguración xa acumula queixas masivas e problemas que eran perfectamente previsibles”.

Ante isto, remarcou: “esiximos ao goberno de BNG e CA que dea explicacións, avalíe de forma independente os problemas de ventilación de Santa Isabel e adopte con urxencia as medidas necesarias para garantir a seguridade e o confort dos usuarios”.