O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe que o pleno municipal marcou un punto de inflexión no debate sobre a seguridade na cidade. O líder popular deu a “benvida ao sentido común” ao goberno local ao considerar que, despois de meses negando a preocupación expresada por veciños, comerciantes e asociacións, xa non hai espazo para seguir ignorando unha realidade evidente. “O debate xa non é se hai un problema de seguridade; o debate é se o goberno local vai actuar”, resumiu.
Verea lembrou que durante meses o executivo municipal respondeu ás advertencias da oposición e da propia veciñanza acusándoas de alarmismo. “Por iso hoxe damos a benvida ao sentido común. Porque o primeiro paso para resolver un problema é recoñecer que existe”, afirmou.
O líder popular insistiu en que a preocupación pola seguridade non nace da confrontación política, senón da realidade que viven cada día milleiros de composteláns. “Os comerciantes preocupados existen. As persoas maiores que mudaron os seus hábitos existen. As familias que viven con inquietude cando os seus fillos regresan á casa pola noite existen. Negar esa realidade nunca foi a solución”, sinalou.
Ao seu xuízo, un dos maiores erros dun goberno local é deixar que os problemas se cronifiquen. “Os problemas de seguridade e convivencia non aparecen dun día para outro. Van medrando pouco a pouco nos barrios e o peor que pode facer un Goberno é acostumarse a eles ou mirar para outro lado”, advertiu.
Verea subliñou ademais que non se está a falar de percepcións nin de sensacións, senón de datos oficiais. Lembrou que Santiago rexistrou en 2025 o maior número de delitos da súa historia, converteuse na cidade galega coa maior taxa de criminalidade por habitante e acumula sete anos consecutivos de incremento da criminalidade, cun aumento especialmente preocupante das pelexas e rifas tumultuarias. “Santiago segue sendo unha boa cidade para vivir. Precisamente por iso temos a obriga de actuar. Recoñecer un problema non é atacar a cidade; é querer resolvelo antes de que sexa demasiado tarde”, afirmou.
Como exemplo desa realidade, Verea referiuse á contorna do Stilo, unha zona que coñece ben porque os seus pais viven alí e que visita habitualmente cos seus fillos. O líder popular retou publicamente á alcaldesa a achegarse un domingo pola mañá a ese punto da cidade para comprobar persoalmente o que acontece cada fin de semana e explicar despois á cidadanía se realmente considera que non existe un problema.
O líder popular insistiu en que o Partido Popular non se limita a denunciar a situación, senón que leva meses propoñendo unha estratexia integral de seguridade para Santiago. Entre as medidas defendidas polo PP destacou o reforzo da presenza preventiva da Policía Local nos barrios, a ampliación da rede de cámaras de videovixilancia, a mellora da iluminación dos espazos públicos e a creación de canles permanentes de diálogo coa veciñanza para detectar e resolver os problemas antes de que se agraven.
Neste sentido, defendeu que unha maior presenza policial transmite tranquilidade e prevención. “A presenza policial non é unha inquietude; o que provoca inquietude é a sensación de que non hai control”, afirmou.
Verea quixo tamén agradecer expresamente o traballo da Policía Local e da Policía Nacional. “Os profesionais están facendo o seu traballo e merecen todo o noso recoñecemento. O problema non é deles; o problema é político. O problema é dun Goberno que durante demasiado tempo preferiu negar a realidade en lugar de afrontala”, sinalou.
Finalmente, o líder popular reclamou ao executivo municipal que abandone definitivamente a negación e pase “das palabras aos feitos”. “A inmensa maioría dos composteláns quere vivir nunha cidade tranquila, segura e ben coidada. Merecen un Goberno que escoite aos veciños, que se anticipe aos problemas e que actúe con decisión para recuperar a convivencia e a tranquilidade que sempre caracterizaron Santiago”, concluíu.