O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe, en rolda de prensa, que “nas últimas semanas o PP de Santiago falou moito de seguridade, de conciliación, de limpeza, de convivencia ou de barrios, porque todos estes asuntos tratan dunha mesma cousa: de como nós queremos vivir en Santiago e de que cidade queremos construír para os próximos anos”.

“Por iso, -explicou- levamos semanas presentando iniciativas pensadas en facerlle a vida máis doada ás familias compostelás, como as actividades extraescolares 100% municipais; tres semanas en Irlanda para o alumnado de 3º da ESO; a Parada Familiar; horas gratuítas na zona azul para as familias; un servizo municipal de canguraxe ou a futura Casa das Familias, para acompañar aos adolescentes e aos seus pais e nais”.

Durante a súa intervención, Verea tamén se referiu ao debate sobre a seguridade e a convivencia na cidade, subliñando que “sería un erro negar que existe unha preocupación real en moitos barrios”. 

Ao seu xuízo, o Pleno municipal celebrado onte “quedou claro que cada vez máis xente entende que hai problemas que deben afrontarse con seriedade, con tranquilidade e sen negar a realidade”.

O líder popular mostrouse especialmente preocupado pola actitude da alcaldesa durante a sesión plenaria e insistiu en que “o que vimos onte foi unha alcaldesa superada pola situación e iso preocúpame máis que calquera discusión política, porque Santiago necesita tranquilidade, necesita diálogo e necesita un goberno capaz de escoitar á xente sen crispación, sen insultos e sen intentar converter cada debate nun conflito político”.

Fronte a esa forma de facer política, Borja Verea asegurou que “o Partido Popular seguirá centrado en presentar propostas e ofrecer solucións, porque eu non vou entrar no ruído nin na confrontación permanente. Non é o que espera a xente de nós. Santiago está canso dese ambiente político bronco e desa sensación constante de tensión”, engadiu.

Reiterou o compromiso do PP coa cidade: “Nós imos seguir facendo o mesmo que levamos facendo dende o minuto un, todos estes meses: presentar propostas, falar da cidade e pensar no futuro de Santiago, porque mentres outros están demasiado pendentes do ruído político, nós seguimos centrados en Santiago”.

Nova candidatura

A preguntas dos xornalistas sobre a nova candidatura das Non Adscritas, Verea asegurou que “nós estamos centrados en Santiago e a xente non está pendente das leas internas dos partidos, nin dos movementos políticos, a xente está pendente de se a cidade funciona, de se os barrios están coidados, de se hai oportunidades para construír aquí, na nosa cidade, en Santiago, un proxecto de vida, un proxecto de familia”.

Tamén engadiu que “o que tamén temos claro e o repetimos sempre que temos oportunidades, porque o sentimos na rúa, o sentimos na cidade, é que Santiago necesita abrir unha nova etapa. Despois de doce anos gobernados, o gobernada a cidade, polos mesmos espazos políticos, a cidade non pode seguir instalada no ruído, non pode seguir na mesma división constante, na mesma falta de ambición”.

“Nós representamos, -remarcou- presentamos e traballamos por ser un cambio claro, un cambio real, un cambio unido, tranquilo e, como dicía, centrado en Santiago”.