As concelleiras do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero e Olaya Otero, mantiveron unha reunión co representantes do Comité de Empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), na que estes lle trasladaron “a súa preocupación e incertidume” pola situación que está atravesar este servizo. 

“O goberno de BNG e CA -subliñaron- é responsable da execución deste contrato, polo que non poden seguir facéndose o xordo ante o manifesto malestar do persoal que presta o SAF e da minoración da calidade do servizo prestado, xa que son plenamente coñecedores desta situación”. 

Yolanda Otero remarcou que “os nacionalistas deben asumir a súa responsabilidade, exercer as súas facultades de control sobre a execución do contrato e esixirlle á empresa adxudicataria o cumprimento das súas obrigas contractuais”.

Así mesmo, os populares consideran que o goberno de BNG e CA debe ofrecer explicacións sobre a xestión realizada arredor da continuidade deste contrato, xa que existen serias dúbidas sobre se se cumpriron en tempo e forma todos os trámites necesarios para garantir a prestación do servizo. De confirmarse algunha actuación deficiente por parte do goberno nacionalista, estaríamos ante unha grave irresponsabilidade que estaría agravando a situación do SAF.

“Cabe destacar que, mentres o BNG convoca manifestacións noutros concellos a través do seu sindicato, a CIG, cando falamos de SAF en Santiago os nacionalistas gardan silencio”, insistiu. “É necesario que se lle garanta ao persoal traballador do SAF o mantemento das súas condicións laborais e económicas, a prestación correcta do servizo ás persoas usuarias e se controle a execución do contrato”.

O goberno de BNG e CA gastan máis de 6 millóns de euros ao ano nun servizo que funciona cada vez peor, polo que, ante a situación na que se atopa a prestación do servizo, dende o Partido Popular de Santiago reclamamos a licitación inmediata do novo contrato do SAF, tendo en conta que o actual está en prórroga”, remarcou.

“O persoal que presta este servizo -dixo Yolanda Otero- trasladounos o incumprimento das súas condicións económicas por parte da empresa adxudicataria do contrato, así como incumprimentos reiterados na prestación do servizo e das condicións do contrato e a insuficiencia de persoal, ao que se engade a inexecución da oferta formativa ao persoal”.

As edís populares subliñaron que “as fins de semana distintos servizos vense suspendidos por falta de persoal e os servizos complementarios, como fisioterapia, podoloxía e perruquería, están en suspenso, ao igual que as limpezas de choque”.

Engadiron que “un número considerable do persoal que presta o servizo está de baixa laboral, o resto de persoal en activo non realizan horas extraordinarias, e non se cubre o persoal que está de vacacións. Deste xeito, a calidade do servizo vese mermada considerablemente, con especial incidencia as fins de semana, polo que as principais afectadas son as persoas usuarias deste servizo e as súas familias que non reciben un servizo que teñen recoñecido”.

Lembremos que estamos a falar de veciñas e veciños vulnerables, a maioría persoas dependentes, que  ven minorada a calidade do servizo que teñen recoñecido, cando non privados do mesmo.