O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou “o preocupante estado de deterioro que presentan os accesos, os aparcadoiros e os espazos exteriores do Multiusos Fontes do Sar, unha das principais infraestruturas deportivas da cidade e punto de encontro diario para miles de deportistas, familias e asistentes a competicións e eventos culturais”.
“Na actualidade, -agregou De la Fuente- a contorna deste recinto presenta unha imaxe impropia dunha cidade como Santiago, con fochancas de gran tamaño nos viais de acceso e mesmo nos pasos de peóns; acumulacións de auga cada vez que chove, por mor das deficiencias da drenaxe; zonas embarradas polas que deben transitar os peóns; e un aparcadoiro exterior de terra, completamente degradado, todo isto conforma un escenario que leva demasiado tempo sen recibir a atención que merece”.




De la Fuente, lamentou que “o goberno de BNG e CA leve anos permitindo que unha instalación estratéxica para Santiago se deteriore sen adoptar medidas eficaces, e esta falta de mantemento, non só prexudica a imaxe da cidade, senón que tamén incrementa os riscos para a seguridade de peóns e condutores e dificulta o acceso ás instalacións”.
O edil popular pregúntase se esta é a imaxe que Santiago quere ofrecer coa volta do Obradoiro CAB á Liga ACB. “Nos próximos meses miles de afeccionados, equipos visitantes, patrocinadores e medios de comunicación volverán acudir ao Multiusos Fontes do Sar e o “primeiro que atoparán será unha contorna abandonada, deteriorada e moi afastada da imaxe que merece unha cidade referente no deporte, no turismo e na organización de grandes eventos”, sinalou.
“Por este motivo, -explicou- o Partido Popular de Santiago reclamou ao goberno de BNG e CA un plan de actuación urxente que inclúa a reparación integral dos viais de acceso e dos pasos de peóns; a mellora do sistema de evacuación das augas pluviais para evitar inundacións e acumulacións de auga; o acondicionamento das zonas de tránsito peonil; a renovación do aparcadoiro exterior e a posta en marcha dun programa de mantemento periódico que impida que esta situación continúe agravándose”.
O edil popular remarcou que “este novo exemplo evidencia a ausencia dunha política deportiva ambiciosa por parte do actual goberno nacionalista, xa que, neste mandato, non existiu unha verdadeira aposta polas infraestruturas deportivas, porque os nacionalistas limitáronse a rematar proxectos iniciados polo anterior goberno e, ademais, fíxoo con importantes deficiencias”.
Neste sentido, lembrou “tamén os problemas detectados tras as obras dos pavillóns de Vite e Santa Isabel; a falta de avances nas actuacións previstas no campo de fútbol Suso Conde de Villestro; e criticou que, no caso do estadio Vero Boquete, o goberno de BNG e CA continúe anunciando pequenas actuacións puntuais en lugar de acometer unha reforma integral que responda ás necesidades dunha instalación que require un investimento decidido”.
“O deporte merece moito máis que anuncios e parches. Os composteláns pagan os seus impostos para contar con instalacións modernas, seguras e ben conservadas. Non podemos permitir que un dos principais complexos deportivos da cidade continúe ofrecendo unha imaxe de abandono pola falta de planificación e mantemento do goberno nacionalista”, concluíu José Ramón de la Fuente.