O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, defendeu hoxe no Pleno municipal a necesidade de abrir “unha nova etapa” para a cidade baseada na solvencia, na capacidade de xestión e nun obxectivo claro: que Santiago volva funcionar.

Durante a defensa da iniciativa do Grupo Popular para incorporar Bizum como sistema de pagamento municipal, Verea explicou que esta proposta non pretende resolver por si soa os problemas do Concello, senón representar unha forma diferente de entender a administración: máis áxil, máis próxima e pensada para facilitar o día a día da cidadanía.

“Isto non vai de ideoloxías; vai de que Santiago funcione”, resumiu o portavoz popular, quen lembrou que durante este mandato se acumularon demasiados exemplos dun Concello que “perdeu capacidade de resposta e capacidade de xestión”, citando como exemplos a vivenda, a limpeza ou a recente intervención do Estado para facer fronte ao pagamento das facturas pendentes a provedores.

Verea insistiu en que o debate non é político nin ideolóxico, senón de boa administración. “Un Concello serio tamén ten que ser un Concello puntual”, afirmou, defendendo que a prioridade debe ser ofrecer unha administración moderna, eficiente e capaz de responder ás necesidades dos veciños.

Neste sentido, puxo en valor o traballo dos empregados públicos municipais, pero lamentou que continúen existindo procedementos “lentos, complicados e pensados para outra época”, que obrigan á cidadanía a investir tempo en trámites que noutras administracións xa se resolven de forma rápida e sinxela.

“O respecto polo tempo dos veciños tamén é unha forma de facer boa política”, sinalou Verea, quen asegurou que a modernización dunha cidade pasa precisamente por facer máis doada a relación da cidadanía coa administración.

Por iso, explicou que a incorporación de Bizum aos pagamentos municipais representa “un pequeno paso, pero na dirección correcta”: avanzar cara a un Concello máis moderno, máis áxil e máis próximo, seguindo o exemplo doutras administracións que xa incorporaron este tipo de ferramentas.

Na súa intervención, o líder popular contrapuxo dous modelos de cidade: un Goberno que, ao seu xuízo, “non foi capaz de resolver os problemas de xestión que arrastra Santiago”, e un proxecto alternativo que sitúa a capacidade de xestión como prioridade. “Nós aínda non tivemos a oportunidade de gobernar esta cidade, pero estamos preparados para liderar unha nova etapa con equipos solventes, con planificación e con capacidade de xestión”, afirmou.

Verea concluíu asegurando que o verdadeiro reto non consiste unicamente en incorporar novas ferramentas tecnolóxicas, senón en construír unha administración que funcione mellor, que respecte o tempo da cidadanía e que recupere a eficacia na prestación dos servizos públicos. “Queremos un Concello cun único obxectivo: que Santiago volva funcionar”, concluíu.