O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, reclama ao Goberno municipal que reaccione ante a vaga de roubos no interior de vehículos que está a afectar á cidade e que acumula xa decenas de persoas prexudicadas.

O concelleiro popular José Ramón de la Fuente considera necesario poñer en marcha un dispositivo especial de vixilancia e prevención, reforzando a presenza da Policía Local nas zonas máis afectadas e intensificando a coordinación coa Policía Nacional.

“Non se trata de xerar alarma, senón de recoñecer o problema e actuar antes de que siga medrando. Negar ou minimizar o que está acontecendo non protexe os veciños”, sinala De la Fuente.

O edil popular reclama que se identifiquen os aparcadoiros e rúas nos que se concentra un maior número de roubos para reforzar neles a vixilancia e revisar as condicións de iluminación e seguridade. Tamén pide que o Concello informe á cidadanía sobre as medidas de prevención recomendadas.

De la Fuente insiste en que a seguridade require “anticipación, coordinación e presenza na rúa” e lembra que o Partido Popular leva tempo advertindo do incremento da preocupación cidadá por esta cuestión en distintos puntos de Santiago.

“O Goberno municipal non pode limitarse a esperar a que o problema desapareza. Debe exercer as súas competencias, colaborar co resto das forzas de seguridade e ofrecer unha resposta clara ás persoas afectadas”, conclúe.