O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou o preocupante estado de abandono que presentan numerosos parques e zonas verdes da cidade e reclamou ao Goberno municipal unha actuación inmediata para garantir a seguridade da veciñanza, tras a caída dunha póla de grandes dimensións no Banquete de Conxo.

O Partido Popular leva meses advertindo da falta de mantemento das zonas verdes e do arborado urbano, sen que o executivo local adoptase as medidas necesarias para corrixir esta situación.

Nas últimas horas produciuse a caída dunha póla de grandes dimensións sobre unha zona do Banquete de Conxo na que hai mesas e cadeiras. Afortunadamente, nese momento non había ningunha persoa no lugar e non houbo que lamentar danos persoais. Con todo, advirte De la Fuente, “de terse producido esta caída con persoas nas inmediacións, as consecuencias poderían ter sido tráxicas”.

Para o edil popular, este episodio “volve poñer de manifesto que a falta de mantemento das zonas verdes e do arborado non é só unha cuestión estética, senón un problema de seguridade que require actuacións preventivas e unha planificación seria”.

De la Fuente lembrou que o Partido Popular trasladou en numerosas ocasións a necesidade de reforzar o mantemento dos parques, revisar periodicamente o estado do arborado e actuar con dilixencia ante calquera risco detectado. “As nosas advertencias foron sistematicamente ignoradas”, lamentou.

Por este motivo, o Partido Popular esixe ao Goberno municipal que aclare se existían avisos ou informes previos sobre o estado da árbore afectada e que medidas se adoptaron, así como que se leve a cabo unha revisión urxente do estado do arborado en todos os parques e espazos verdes da cidade e se reforcen de inmediato os labores de mantemento e conservación.

“O que ocorreu no Banquete de Conxo debe servir de aviso. Os parques son espazos de convivencia, lecer e encontro para milleiros de composteláns e non poden converterse nun risco por falta de mantemento. A seguridade da veciñanza debe estar por riba de calquera outra consideración”, concluíu José Ramón de la Fuente.