O candidato á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, asistiu este martes no Museo Centro Gaiás ao acto de recepción da escultura A Santa, de Francisco Asorey, que regresa definitivamente a Galicia cen anos despois da súa creación.

Verea destacou a importancia de recuperar para Galicia unha das obras máis representativas da arte galega do século XX, unha peza de extraordinario valor histórico e artístico que pasa a formar parte da colección permanente do Museo Gaiás.

O candidato popular sinalou que o regreso de A Santa constitúe unha excelente noticia para Galicia e tamén para Santiago, ao reforzar o papel da cidade como referente cultural e como lugar de encontro co patrimonio artístico do país.

Así mesmo, puxo en valor o significado simbólico da escultura, ligada á Galicia do traballo, da emigración e da identidade colectiva, e animou á cidadanía a visitar a exposición dedicada a Francisco Asorey e a redescubrir a figura dun dos grandes escultores da nosa historia.