O candidato á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, pediu este mércores “menos victimismo e máis memoria” despois das críticas da alcaldesa pola falta dunha reunión co presidente da Xunta. Ao seu xuízo, “as relacións institucionais mídense polos feitos, non polas fotografías”.

“A memoria tamén é unha forma de respecto institucional. E cando un repasa os feitos, resulta difícil soster que a Xunta lle deu as costas a Santiago”, afirmou.

Verea lembrou que as dúas grandes reclamacións á Xunta do actual goberno de BNG e CA ao longo deste mandato foron atendidas: a implantación da taxa turística e a declaración de zona tensionada.

A publicación no BOE confirma outra das peticións atendidas ao Concello

A publicación este mércores no Boletín Oficial do Estado da resolución do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana pola que se declara Santiago como zona de mercado residencial tensionada confirma que outra das principais solicitudes formuladas polo Goberno municipal ao longo deste mandato chegou a bo porto.

Para Borja Verea, este feito “reforza aínda máis” a idea de que “é imposible soster un relato de falta de colaboración institucional cando as dúas grandes demandas trasladadas polo Concello, a taxa turística e a declaración de zona de mercado residencial tensionada, foron atendidas”.

“Os feitos son moi claros. Cando o Concello trasladou esas dúas peticións á Xunta de Galicia, ambas atoparon resposta. Iso desmonta por si só calquera relato de confrontación permanente entre administracións”, sinalou.

“Quero ser moi claro. As miñas reclamacións como alcalde á Xunta de Galicia terían sido outras. Teño unha visión distinta sobre o que necesita Santiago. Pero tamén é certo que esas foron as principais peticións da alcaldesa á Xunta de Galicia e as dúas foron atendidas.”

“Nunca confundirei as miñas diferenzas políticas coa realidade dos feitos. E os feitos din que, cando o Concello pediu esas dúas medidas, a Xunta respondeu que si”, engadiu.

O candidato popular lembrou ademais que Santiago recibiu o maior incremento do Estatuto da Capitalidade das últimas dúas décadas, reforzando os recursos da cidade, e destacou tamén a colaboración da Xunta na programación cultural das Festas do Apóstolo, facendo posible un dos seus grandes concertos internacionais, o da cantante mexicana Lila Downs.

“Cada un pode facer a valoración política que considere sobre estas decisións. Mesmo pode haber quen non as compartise. Pero todas elas acreditan unha vontade de colaboración institucional coa nosa cidade. Esa é a realidade”, sinalou.

Para Verea, “é un erro intentar construír un relato de confrontación permanente entre administracións cando os feitos demostran exactamente o contrario”.

“Un alcalde ten a obriga de defender os intereses da súa cidade, pero tamén de recoñecer cando outra administración responde e colabora. Iso tamén forma parte da lealdade institucional.”

“O que esperan os composteláns é que todas as administracións colaboren para resolver os problemas da cidade. A mellor maneira de defender Santiago non é acumular polémicas, senón conseguir resultados. Os feitos pesan máis ca os titulares e máis ca as fotografías. E os feitos, neste caso, son moi claros”, concluíu.