O Partido Popular de Santiago denuncia o estado de abandono que presentan as instalacións deportivas de Figueiras e o campo de fútbol da parroquia e reclama ao Goberno municipal que deixe de acumular promesas e execute dunha vez unha actuación que a veciñanza leva anos agardando.
A concelleira popular e veciña da parroquia, Nerea Barcia, lembra que existe desde hai anos un proxecto redactado para mellorar estes equipamentos, pero os cambios no Goberno municipal non serviron para que se convertese en realidade. Figueiras continúa cunhas instalacións deterioradas, un campo de fútbol que precisa dunha actuación integral e unha veciñanza que segue esperando por unhas obras que nunca chegan.
“Pasaron os anos, cambiou o alcalde, pero non cambiou a forma de gobernar: moitos anuncios e poucas obras. E mentres, os veciños de Figueiras seguimos esperando”, afirma Barcia.
A edil popular explica que o Concello licitou a execución das obras en setembro de 2024 e, con todo, o procedemento quedou deserto ao non presentarse ningunha empresa. Como consecuencia disto e a Xunta de Goberno Local acabou declarando deserta a contratación e anulando o gasto autorizado.
Para o Partido Popular, cando unha licitación queda deserta porque ningunha empresa presenta unha oferta, o Goberno municipal debería preguntarse se o problema está nas condicións nas que foi licitada. “Se unha obra non lle interesa a ningunha empresa, é evidente que hai que revisar os pregos, o orzamento ou as condicións da contratación. O que non se pode facer é licitar mal, deixar que o procedemento fracase e despois gardar o proxecto nun caixón”, sinala Nerea Barcia.
Figueiras leva anos esperando mentres o goberno de BNG e CA deixa o proxecto parado
Barcia lembra que o propio BNG denunciaba xa en 2015 o mal estado das instalacións deportivas de Figueiras. Daquela reclamaba o acondicionamento da zona deportiva e do campo de fútbol, así como a mellora dos vestiarios, e chegou a cualificar o terreo de xogo como “un auténtico arrozal”.
“Cando estaban na oposición sabían perfectamente cal era o problema e esixían solucións. Agora que teñen a responsabilidade de gobernar, a veciñanza segue esperando exactamente polo mesmo”, critica.
Para Barcia, que coñece de primeira man a realidade da parroquia, esta situación exemplifica unha forma de gobernar que acumula anuncios e proxectos pero que non consegue transformalos en actuacións reais.
“Os veciños de Figueiras non vivimos de anuncios nin de proxectos gardados nun caixón. Queremos unhas instalacións deportivas dignas, que poidan utilizar a nosa rapazada, os clubs e o conxunto da veciñanza”, sinala.
Por todo iso, o Partido Popular de Santiago reclama ao goberno e BNG e CA que revise de inmediato o proxecto e as condicións da contratación, adapte o investimento á realidade actual se é necesario e volva licitar as obras sen máis demora.
“Figueiras leva demasiado tempo esperando. O proxecto existe, a necesidade é evidente e o BNG coñece perfectamente o problema. Só falta que se poñan a traballar e executen dunha vez as obras”, conclúe Nerea Barcia.