O candidato á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, asegurou este luns que «as familias do CEIP Cardeal Quiroga Palacios non poden seguir esperando» e lamentou que unha ampliación tan necesaria para o centro quede agora comprometida por decisións adoptadas polo propio Concello. «Para min hai unha prioridade absoluta neste asunto: os nenos, as súas familias e toda a comunidade educativa. Iso debería estar sempre por riba de calquera outra consideración», afirmou.
Verea lembrou que a ampliación do CEIP Cardeal Quiroga Palacios é unha demanda histórica da comunidade educativa e mostrou a súa preocupación ao coñecer que, despois de meses de tramitación, o Concello condicionou a posta á disposición da parcela á execución doutras actuacións alleas á propia ampliación do centro educativo, dificultando a continuidade do proxecto.«Un alcalde ten a obriga de eliminar obstáculos, non de crealos. E cando falamos dun colexio, a prioridade teñen que ser sempre os alumnos e as súas familias.»
O candidato popular asegurou que resulta difícil comprender que unha actuación educativa desta importancia quede paralizada por decisións do propio Concello. «Os pais e as nais do Quiroga Palacios non queren máis discusións administrativas nin máis atrasos. Queren algo moito máis sinxelo: que os seus fillos teñan o colexio que necesitan. Iso é o importante.»
Verea pediu ao goberno municipal que rectifique e elimine os obstáculos que impiden continuar coa ampliación para que o proxecto poida avanzar «sen máis demoras». «Nunca aceptaría que un proxecto educativo desta importancia quedase bloqueado por decisións do propio Concello. A responsabilidade dun alcalde é facer que as cousas sucedan, non explicar por que non suceden.»
O candidato popular concluíu facendo un chamamento a poñer ás familias no centro das decisións públicas. «Os nenos non poden esperar. As familias non poden esperar. Santiago tampouco.»