O candidato á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, advertiu de que a nova ordenanza de prezos “non pode converter unha mellora do servizo nun retroceso para as persoas maiores”.
“Ter mellores autobuses, máis frecuencias e un servizo moderno é unha boa nova para Santiago. Pero modernizar nunca pode significar que os veciños perdan dereitos.”
Verea mostrou a súa preocupación porque a nova regulación tarifaria non manteña a gratuidade do transporte urbano para os pensionistas e anunciou que, se chega á Alcaldía, impulsará a súa recuperación. “Para min hai unha liña vermella: os pensionistas de Santiago deben poder seguir viaxando gratis no autobús urbano. É unha medida de xustiza, de respecto e tamén unha forma de favorecer un envellecemento activo e unha cidade máis accesible.”
O candidato popular asegurou que a política tamén consiste en decidir prioridades. “Eu teño claro cal sería a miña. Nunca lle pediría ás persoas maiores que pagasen por un dereito que durante tantos anos formou parte do noso sistema de transporte público.”
Verea insistiu en que esta posición non supón cuestionar o novo contrato. “Quero que Santiago teña un mellor transporte público. Quero máis e mellores autobuses. Pero tamén quero que esa mellora chegue sen deixar a ninguén atrás. Unha cidade moderna é aquela que avanza sen facer retroceder aos máis vulnerables.”
O candidato concluíu comprometéndose a que, se recibe a confianza maioritaria dos composteláns, a recuperación da gratuidade para os pensionistas será unha das primeiras modificacións que promoverá na política tarifaria do transporte urbano.