O concelleiro do Partido Popular de Santiago Borja Rubio asegurou hoxe que “por moito ruído que algúns queiran introducir neste asunto, hai unha realidade que non se pode ocultar: o importante é ampliar o CEIP Cardeal Quiroga Palacios e neste momento o BNG ten esa ampliación paralizada”.
Rubio insistiu en que “a única prioridade deberían ser os nenos e nenas, os pais e nais e as necesidades dun colexio que precisa máis e mellores espazos”. “As familias non necesitan unha batalla política nin un intercambio de acusacións. Necesitan solucións e necesitan que se amplíe o seu colexio”, afirmou.
Neste sentido, lamentou que o goberno nacionalista non estea facilitando que unha actuación necesaria e demandada pola comunidade educativa poida continuar. “Cando existe a oportunidade de ampliar un colexio, a responsabilidade dun Concello é facilitar, colaborar e eliminar obstáculos. Non crealos. O BNG ten hoxe nas súas mans desbloquear esta ampliación e debería facelo canto antes”.
«Unha politización lamentable e preocupante»
Rubio cualificou tamén de “lamentable e preocupante” a politización que, ao seu xuízo, evidencia o comunicado difundido pola ANPA Athenea.
“Respectamos profundamente as familias do Quiroga Palacios e todas as reivindicacións que consideren necesarias para mellorar o seu colexio. Pero unha ANPA representa familias plurais, que pensan diferente e teñen sensibilidades diferentes. Por iso resulta impropio que entre directamente na confrontación partidista e cargue contra partidos políticos”, afirmou.
Para Rubio, “unha ANPA debe ser independente, reivindicativa e esixente con todas as administracións, goberne quen goberne. Cando abandona ese papel e entra directamente no debate entre partidos, corre o risco de deixar de representar esa pluralidade”.
“As familias poden pensar diferente e ter sensibilidades diferentes, pero todas comparten algo moito máis importante: necesitan que o Quiroga Palacios conte cos espazos que precisa e necesitan unha ampliación que o goberno nacionalista mantén hoxe paralizada”, subliñou.
Rubio concluíu reclamando “menos política e máis solucións”. “Nós non imos entrar nunha confrontación coas familias. Imos seguir defendendo a ampliación e todas as melloras posibles para o centro. O que lle pedimos ao BNG é moi sinxelo: que deixe de poñer obstáculos, desbloquee a ampliación e poña os intereses dos nenos e das familias por diante de calquera outro. Non poden seguir esperando”.