O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, culpou ao goberno do BNG e CA do incendio na “escombreira” de Laraño, un punto localizado no interior dunha pequena pista deportiva abandonada da que se remitiron numerosos avisos aos nacionalistas, tanto por parte dos veciños como do propio Partido Popular, concretamente o pasado mes de marzo. 

Villa salientou que, se no mes de marzo denunciaron a presenza destes puntos en diferentes parroquias da cidade, foi para que o BNG reaccionase de cara á primavera e verán porque, do contrario, poderían provocarse incendios, coas consecuencias que iso tería para os montes e vivendas. 

O edil popular lembrou que “estamos ante unha cuestión moi preocupante, que demostra o reiterado “pasotismo do BNG, que defenden un falso medioambientalismo que, cando chegan ao goberno, parecen esquecer”. “A dura e pura hipocrisía que os define”, indicou 

Unha vez máis, os populares puxeron no foco múltiples vertedoiros da cidade, nos que se pode visualizar un gran volume de lixo de obra, así como diferentes electrodomésticos e mobles, entre outros residuos. 

Finalmente, os populares volveron a solicitar un cambio do modelo de recollida no punto limpo do polígono do Tambre, onde existe unha limitación no volume de depósito de lixo, “o que provoca -explicou- que un particular que faga unha pequena obra no seu fogar, non poida entregar todo o escombro, tendo que recorrer a unha empresa, co consecuente custe económico, o que fai que, moitas persoas, recorran a estes vertedoiros ilegais”.