O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, vén de levar ao Parlamento de Galicia a ampliación do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios para coñecer en que situación se atopa actualmente o proxecto e confirmar se o goberno municipal retirou definitivamente as condicións que impuxera para poñer os terreos necesarios á disposición da Xunta.
Verea, xunto con outros deputados do Grupo Parlamentario Popular, rexistrou unha pregunta para a súa resposta oral na Comisión de Educación e Cultura na que reclama coñecer a valoración da Xunta sobre os obstáculos formulados polo goberno municipal e o estado actual das actuacións previstas para executar esta mellora educativa.
A Xunta de Galicia leva traballando desde o pasado ano na ampliación do Quiroga Palacios para mellorar as instalacións e dar resposta ás necesidades do alumnado, do profesorado e das familias. Para poder executar o proxecto precisa dunha parcela municipal anexa ao centro de aproximadamente 1.605 metros cadrados.
O que debería ser un trámite habitual de colaboración entre administracións converteuse, lembra Verea, nun “despropósito”, despois de que o goberno municipal condicionase a posta á disposición deses terreos a que a Consellería de Educación executase actuacións de urbanización, reordenación de viais, aparcamento e axardinamento sobre unha superficie total acumulada de 14.000 metros cadrados.
1.605 metros para o colexio fronte a 14.000 de actuacións urbanísticas
“Para ceder os 1.605 metros cadrados que necesita a ampliación dun colexio, o goberno municipal pretendía que Educación asumise actuacións urbanísticas sobre 14.000 metros cadrados. É difícil atopar unha explicación a unha esixencia así”, sinala Verea.
As actuacións reclamadas polo Concello afectarían, ademais, a terreos municipais destinados a usos alleos ao educativo, polo que a súa aceptación suporía destinar recursos da educación pública a financiar obras urbanísticas que lle corresponden ao propio Concello.
“Estamos falando de ampliar un colexio e de mellorar as instalacións que utilizan cada día os nenos e as familias. O papel do goberno municipal debería ser facilitar esta actuación, non intentar aproveitar a cesión dunha parcela para que a Xunta lle faga obras que son da súa competencia”, afirma.
Tras facerse pública esta situación, o goberno municipal atribuíu o sucedido a un “malentendido” e asegurou que a cuestión quedara aclarada entre os servizos técnicos.
Por iso, Verea quere coñecer agora se aquelas condicións foron efectivamente retiradas, se a parcela está xa plenamente á disposición da Xunta sen cargas ou obrigas alleas á ampliación educativa e cal é a situación actual do proxecto.
“Se realmente foi un malentendido, o importante agora é que estea resolto e que non se perda máis tempo. A prioridade ten que ser que o Quiroga Palacios conte canto antes coa ampliación que necesita”, conclúe.