O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, vén de denunciar “a absoluta falta de información e planificación do goberno de BNG e CA ante o inicio dunhas obras de canalización de servizos na rúa Otero Pedraio, que deixarán á veciñanza sen posibilidade de estacionar os seus vehículos durante a execución das actuacións”.
O edil popular explicou que, nunha reunión mantida cos membros da asociación de veciños da zona, manifestaron a súa preocupación “polas importantes molestias que ocasionarán estes traballos e, sobre todo, pola ausencia total de comunicación por parte do goberno nacionalista”.
“Os residentes -dixo- aseguran que ninguén falou con eles para explicar o alcance das obras, a súa duración ou as medidas previstas para minimizar os seus efectos” e insistiron en que “o presidente da Asociación intentou comunicarse co concelleiro responsable sen telo conseguido”.
“Dende o Partido Popular de Santiago, reiteramos que as obras son necesarias e que, neste caso, responden a unha actuación promovida por unha empresa privada, sen embargo, é inadmisible que o goberno de BNG e CA autorice unha intervención destas características sen informar previamente á veciñanza, nin prever solucións para reducir os prexuízos que terán que soportar”.
José Antonio Constenla subliñou que “unha administración responsable non pode limitarse a conceder unha autorización e desaparecer, a súa obrigación é acompañar aos veciños e veciñas, informarlles con antelación e buscar alternativas que fagan compatibles as obras coa vida diaria dos que viven na zona”.
Por elo, “esixímoslle ao goberno nacionalista que habilite de forma inmediata unha alternativa de estacionamento para os residentes, mentres estean ocupadas as prazas da rúa Otero Pedraio”, destacou.
“Entre as posibilidades planteaxadas polos propios veciños figura a reserva temporal de espazos de aparcamento na zona situada fronte ao edificio administrativo da Xunta, unha medida que aliviaría as dificultades que terán que afrontar durante as obras”, insistiu José Antonio Constenla.
O popular destacou que “para nós, este episodio volve a poñer de manifesto a falta de sensibilidade do goberno nacionalista cara a veciñanza de Santiago, non cuestionamos que as obras deban realizarse; o que denunciamos é a incapacidade dos nacionalistas para xestionar as súas consecuencias con previsión, diálogo e respecto cara as persoas afectadas. Os veciños merecen información, solucións e unha administración local que estea ao seu carón, non que lles dea as costas”.
Ante isto, os populares instan ao goberno de BNG e CA a abrir, de inmediato, unha canle de comunicación cos residentes, informar con transparencia sobre o calendario previsto dos traballos e a adoptar as medidas necesarias para minimizar as molestias que ocasionará unha actuación que, aínda necesaria, non pode executarse ignorando as necesidades dos que viven nesta rúa.