O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, solicitou “unha actuación inmediata na rúa dos Caraveis, no barrio de Vidán, un acceso que leva pechado ao tráfico dende hai case 3 anos, primeiro de forma parcial, no ano 2023, e, posteriormente, de forma completa dende xaneiro de 2024”. 

“Este acceso -dixo- o empregan numerosos veciños para acceder ás vivendas e, mesmo, ao monte de Moas de Abaixo, polo que agora, a única forma de acceder ás casas é dende a rúa de Vidán, onde o firme que, tal e como se indicou en numerosas ocasións, está afundido á altura do lavadoiro e, polo tanto, preocupa á veciñanza a diario transitan camiñando ou nos seus vehículos”.

Villa acusou ao goberno do BNG de “irresponsable” e de “darlle as costas aos veciños”, ademais de “enganalos e mentirlles á cara”. Unhas acusacións que fundamentou en que levan 3 anos prometendo unha actuación no barrio que non chega. 

“Tanto é así -subliñou- que o concelleiro puxo de manifesto a moción presentada polo Partido Popular de Santiago no Pleno Ordinario de xullo de 2024, un acordo aprobado por unanimidade, incluído o BNG, no que se solicitaba unha actuación urxente, co fin de garantir o acceso e seguridade aos numerosos inmobles”.

Finalmente, Adrián Villa remarcou que “os populares súmanse a indignación da veciñanza que, xa hai dous anos mostraban a súa preocupación polo desvío que teñen que facer cada día” e lembou que a esta situación engádense outras demandas do barrio que tamén están sen atender, evidenciando a falta de capacidade de xestión dos nacionalistas aos que, tal e como afirmou “Santiago quédalles grande”.