O Partido Popular de Santiago promete devolverlle a súa dignidade ao cemiterio de Boisaca cunha renovación completa, posto que este recinto, o maior espazo funerario da capital de Galicia, necesita melloras, co fin de “adecualo e dignificalo”. As nosas concelleiras, María Baleato e Olaya Otero, puideron comprobar “in situ” o seu mal estado.






A concelleira popular, María Baleato, destacou que, neste momento, “o contrato de conservación e mantemento do Cemiterio municipal foi prorrogado ata 31 de maio de 2026, a través dunha orde de continuidade na actualidade, e nel se recolle, entre outras as obrigas de mantemento e conservación, o mantemento dos bloques de nichos, retirando a vexetación e as malas herbas, incluíndo limpeza e reparación de cubertas; así como a realización de labores de ordenación do cemiterio, numeración de sepulturas e nichos de conformidade coas directrices municipais”.
Baleato insistiu en “que a imaxe global do cemiterio municipal debería ser mellor, e aínda que se fixeron actuacións, estas non son suficientes, e este espazo, moi respectado e querido pola veciñanza compostelá, precisa de reformas de maior calado”.
Baleato explicou que “o goberno nacionalista ten que actuar en materia de sinalización, posto que resulta completamente imposible atopar un nicho ou unha sepultura dun xeito sinxelo, xa que a numeración non é correlativa, nin responde a unha orde coherente”.
“Tamén é preciso acondicionar os pasos intermedios entre as sepulturas en terra, que se atopan en moi malas condicións e dificultan o acceso ás mesmas, co conseguinte risco de caídas así como a retirada das malas herbas de nichos e sepulturas”, subliñou a popular.