O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, participou este domingo nos actos con motivo da festividade de San Roque, unha das celebracións históricas máis arraigadas da cidade, acompañado por varios concelleiros do Grupo Municipal Popular.
Verea asistiu á tradicional renovación do Voto da cidade a San Roque, unha tradición que se remonta ao ano 1517 e que mantén vivo, máis de cinco séculos despois, un dos vínculos históricos e populares de Compostela.
O líder popular destacou a importancia de “coidar, manter e transmitir unhas tradicións que forman parte da nosa historia e da nosa identidade como cidade” e puxo en valor a participación dos composteláns nunha celebración que cada 16 de agosto volve reunir á veciñanza arredor de San Roque.
Este ano, a invocación correu a cargo de Charo Barca, presidenta da Fundación Andrea, á que Verea felicitou pola súa intervención e polo traballo que desenvolve desde hai anos a prol dos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais e das súas familias.
“San Roque é memoria, tradición e sentimento de cidade. Santiago tamén se constrúe preservando aquilo que durante séculos nos uniu como composteláns”, concluíu Verea.