A concelleira do Partido Popular de Santiago Olaya Otero critica a incoherencia do goberno municipal do BNG, que reclama publicamente reunións co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pero decide non acudir aos actos aos que é convidado polo propio presidente galego.
Otero refírese á inauguración, o pasado venres, da nova senda ciclista, unha actuación impulsada inicialmente por Borja Verea e que supón unha importante mellora para a mobilidade e as conexións de Santiago.
“O presidente da Xunta convida ao goberno municipal a participar na inauguración dunha nova infraestrutura para Santiago e a súa decisión é non acudir. Despois, ese mesmo goberno quéixase de que Rueda non recibe á alcaldesa. É difícil entender esta forma de reclamar diálogo”, sinala a concelleira popular.
Para Olaya Otero, “se realmente existe vontade de colaboración institucional, hai que demostralo tamén cando se presentan oportunidades para compartir espazos, falar e traballar conxuntamente”.
Neste sentido, considera que a ausencia do goberno municipal na inauguración “volve demostrar que o BNG está máis interesado en alimentar o relato da confrontación coa Xunta que en manter unha relación institucional normal entre dúas administracións que teñen a obriga de entenderse polo ben dos composteláns”.
A concelleira popular lamenta especialmente esta actitude ante a posta en servizo dunha infraestrutura beneficiosa para a cidade. “Non estamos falando dun acto de partido, senón da inauguración dunha actuación para Santiago. Cando o presidente da Xunta vén á nosa cidade e convida ao goberno municipal, o lóxico é que o goberno da cidade estea presente”, afirma.
Otero pide así ao goberno de BNG “menos confrontación e máis coherencia” e lembra que “o diálogo institucional non pode reclamarse unicamente cando interesa para construír un discurso político”.
“Se Sanmartín quere falar con Rueda, o primeiro é deixar de desprezar as oportunidades de encontro que se producen. Non se pode pedir diálogo cunha man e rexeitalo coa outra”, conclúe.