O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, quixo lembrar este mércores a figura de Federico García Lorca cando se cumpren 90 anos da súa morte, en agosto de 1936, e reivindicar especialmente a profunda vinculación que o poeta mantivo con Santiago de Compostela e con Galicia.
Federico García Lorca tiña 38 anos e era unha das mentes “máis preclaras da España do momento. Todo o que puido escribir despois quedou para sempre sen escribir. Hai poucas imaxes máis evidentes do absurdo da violencia”, salientou o tamén deputado autonómico.
Verea destacou que falar de Lorca desde Santiago é facelo dunha figura universal que mantivo unha relación moi especial coa cidade, que visitou en diferentes ocasións e que deixou tamén a súa pegada na súa obra. Unha relación coa cultura e coa lingua galegas que tivo a súa máxima expresión nos Seis poemas galegos, publicados en 1935.
“Noventa anos despois, Santiago ten motivos especiais para lembrar a Federico García Lorca. A súa obra pertence á cultura universal, pero forma parte tamén da historia cultural da nosa cidade e dunha Galicia que o fascinou e inspirou”, sinalou.
A lembranza coincide estes días coa lectura que Verea está facendo este verán de Incierta Gloria, de Joan Sales, unha das grandes novelas sobre a Guerra Civil española. “Hai libros que piden ser lidos máis amodo. E estes días é difícil ler sobre aquela guerra sen acordarse de Lorca e de todo o que España perdeu nela”, afirmou.
O que tamén perdeu Santiago
Verea quixo estender esta lembranza a dúas figuras especialmente vinculadas á historia de Santiago, Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño, que tamén foron asasinados en agosto de 1936.
Ánxel Casal, editor, impresor e unha das figuras fundamentais do galeguismo cultural, era naquel momento alcalde de Santiago. Camilo Díaz Baliño, artista, escenógrafo e intelectual estreitamente ligado á vida cultural compostelá, foi tamén unha das grandes figuras da creación galega do primeiro terzo do século XX.
“Cando falamos de todo o que España perdeu naquela guerra, Santiago ten tamén os seus propios nomes. Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño forman parte dunha xeración extraordinaria que contribuíu a construír culturalmente esta cidade e Galicia”, afirmou Verea.
Para o líder popular, lembrar hoxe a Lorca desde Santiago permite tamén “mirar cara á nosa propia historia e entender todo o que desaparece cando a violencia substitúe á palabra, á cultura e á convivencia”.
Neste sentido, Verea reivindicou a necesidade de manter viva esta memoria “sen apropiacións e por riba de xeracións e ideoloxías”, tanto desde a dimensión universal de Federico García Lorca como desde a especial responsabilidade que Santiago ten de conservar e divulgar o legado de figuras como Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño.