O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, denunciou que, 15 días despois de coñecerse as condicións impostas polo goberno municipal á Xunta para a ampliación do CEIP Quiroga Palacios, Goretti Sanmartín segue sen retirar o “chantaxe” que impide avanzar nunha actuación necesaria para a comunidade educativa.

“Pasaron 15 días e nada cambiou. O goberno municipal sabe perfectamente cal é o problema, sabe que a Xunta quere ampliar o colexio e sabe que a Consellería está en disposición de licitar o proxecto este mesmo ano. Só ten que retirar as condicións que impuxo”, afirmou Verea.

O líder popular lembrou que a Xunta necesita unha parcela duns 1.600 metros cadrados para construír o novo aulario, pero o goberno municipal vinculou a súa posta a disposición a actuacións sobre unha superficie moi superior.

“Non hai ningún malentendido. Hai unha condición imposta polo goberno municipal que pode retirarse inmediatamente. Se realmente queren que a ampliación saia adiante, poden desbloqueala hoxe mesmo”, sinalou.

Verea lamentou que, en lugar de facelo, o BNG optase agora por abrir unha nova ofensiva contra a Consellería de Educación acusando á Xunta de desatender os centros educativos composteláns.

“Poden enviar todas as notas de prensa que queiran e buscar todas as cortinas de fume que consideren, pero hai unha pregunta que segue sen resposta: por que non retiran as condicións e permiten que se licite a ampliación do Quiroga Palacios?”, preguntou.

Para Verea, “cada día que pasa é un día perdido” para as familias e para a comunidade educativa, polo que reclamou a Goretti Sanmartín que “deixe de buscar escusas e solucione un problema que está exclusivamente nas súas mans desbloquear”.

O líder popular foi máis alá e comprometeuse a resolver a situación se o actual goberno municipal mantén o bloqueo ata o final do mandato. “Se o BNG non é capaz de facelo agora, farémolo nós en maio. O novo goberno municipal retirará estas condicións e poñerá inmediatamente a parcela necesaria a disposición da Xunta para que a ampliación do Quiroga Palacios poida avanzar”, asegurou.

“Preferiría que non houbese que esperar ata maio. As familias non teñen por que pagar a incapacidade deste goberno municipal. Teñen a solución enriba da mesa e só teñen que tomar unha decisión: retirar o chantaxe e deixar que a Xunta amplíe o colexio”, concluíu Verea.