O líder do PP en Santiago, Borja Verea, advirte ao goberno municipal de que “non imos permitir que oito concelleiros de 25 decidan que os xubilados de Santiago perdan a gratuidade do transporte público”, ante a nova paralización do procedemento de contratación do servizo de autobús urbano.
Verea considera que a información publicada hoxe sobre o recurso presentado por unha das empresas que concorreron ao concurso debe servir para que o goberno do BNG aclare inmediatamente cal é a súa intención respecto da gratuidade dos maiores, unha medida da que os xubilados composteláns xa se benefician actualmente.
“O que está enriba da mesa non é crear unha nova gratuidade. É garantir que os xubilados non perdan un dereito que xa teñen. E unha decisión desta importancia non poden tomala oito concelleiros de 25 ás costas da maioría da Corporación e dos composteláns”, sinala Verea.
O líder dos populares composteláns reclama ao goberno municipal que expliquen “por que pretenden que a nova concesión supoña un retroceso para os maiores” e esixe que a continuidade da gratuidade quede garantida no futuro contrato. “Os xubilados de Santiago non teñen que pagar as consecuencias dos erros na xestión do transporte urbano. Se o novo contrato se atrasa, que se atrase, pero o que non imos aceptar é que aproveiten o cambio de concesión para quitarlles unha gratuidade que teñen hoxe”, afirma.
Verea considera especialmente grave que unha cuestión que afecta directamente a miles de maiores poida decidirse “cunha maioría que representa só a oito dos 25 concelleiros da Corporación”.
“O goberno está en minoría. Non pode actuar como se tivese un cheque en branco para eliminar dereitos ou cambiar condicións que afectan a toda a cidade. A gratuidade dos xubilados non é propiedade do BNG nin de oito concelleiros: é unha medida que afecta aos composteláns”, subliña.
Neste sentido, o líder do PP de Santiago advirte de que o seu partido utilizará todos os mecanismos políticos e institucionais ao seu alcance para impedir que os maiores perdan esta gratuidade. “Imos facer todo o que estea nas nosas mans para impedir que os xubilados perdan a gratuidade do bus. Non imos quedar de brazos cruzados mentres oito concelleiros deciden por toda a cidade. Se pretenden retirar esta medida, terán enfronte ao Partido Popular e a todas as ferramentas que temos para defender os intereses dos composteláns”, asegura.
Verea considera, ademais, que a nova paralización do contrato evidencia unha vez máis “a incapacidade do goberno municipal para sacar adiante un servizo esencial para Santiago”. “Levan anos falando dun novo contrato e agora volvemos atoparnos con outro parón. Pero neste momento a prioridade debe ser clara: mellorar o transporte urbano e garantir os dereitos dos usuarios, non aproveitar o cambio de contrato para recortar prestacións”, sinala.
Por último, Verea reclama que o goberno municipal garanta por escrito a continuidade da gratuidade para os xubilados no novo contrato e que dea explicacións públicas sobre as condicións previstas para os maiores. “O goberno do BNG aínda está a tempo de deixar claro que os xubilados non van perder o que xa teñen. Se non o fai, será o Partido Popular quen estea diante para impedilo. Os maiores de Santiago merecen certezas, non recortes nin decisións tomadas por oito concelleiros de 25”, conclúe.