O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, esixiu este xoves explicacións ao goberno municipal sobre as probas de cambio de sentido nas rúas de Rodas e Valle-Inclán e advertiu das consecuencias que o desvío do tráfico podería ter para a seguridade dun dos colexios con máis alumnado da cidade.

“Como sempre, aquí faltan explicacións. O goberno municipal toma decisións sen falar con ninguén”, denunciou Verea, quen considerou que as familias e os veciños teñen dereito a coñecer os motivos e as consecuencias destes cambios antes de que se adopte unha decisión definitiva.

O líder popular puxo o foco na “incongruencia” que supón instalar un paso elevado para garantir a seguridade dos usuarios dunha escola infantil e, ao mesmo tempo, probar un cambio de circulación que levaría miles de vehículos por diante doutro centro educativo no que estudan centos de rapaces.

“Acaban de facer un paso elevado de peóns para dar seguridade a unha pequena escola infantil e, ao mesmo tempo, cambian todo o tráfico rodado e méteno por diante dun dos colexios con máis alumnado de Santiago”, explicou.

Para Verea, esta situación merece unha resposta clara por parte do executivo local. “Non é unha explicación que estea pedindo unicamente o Partido Popular; é unha explicación que está pedindo o sentido común”, afirmou.

Verea tamén mostrou a súa comprensión ante a preocupación xerada entre as familias pola posibilidade de que este cambio se converta nunha medida definitiva.

“Entendo e comparto o cabreo monumental dos pais e das nais dos rapaces. Antes de tomar unha decisión destas características, o mínimo é dar explicacións, escoitar as familias e avaliar con rigor as consecuencias”, concluíu.