O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, coñeceu de primeira man a situación que están a vivir os veciños dun edificio de Vite no que denuncian desde hai tempo graves problemas de convivencia e inseguridade relacionados cunha vivenda que identifican como punto de tráfico e consumo de drogas.
Verea pasou preto de dúas horas no edificio, falando cos residentes, escoitando os seus relatos e entrando nalgunhas das vivendas para coñecer persoalmente como esta situación está afectando á súa vida diaria.
“Unha cousa é que che conten o que está pasando e outra moi distinta é estar alí, entrar nas casas e ver a preocupación coa que viven persoas que o único que queren é poder estar tranquilas no seu propio fogar”, explicou.
Durante a visita produciuse, ademais, unha situación especialmente significativa. Verea e os propios veciños chegaron a ser gravados de maneira intimidatoria desde a vivenda na que estes sitúan o foco do problema.

“O que máis me impresionou non foi ese momento, senón comprobar como os veciños conviven con esta situación todos os días. Non podemos normalizalo. Hai familias que levan demasiado tempo pedindo algo tan elemental como vivir con tranquilidade e sentirse seguras na súa propia casa”, sinalou.
A situación chegou ata o punto de que a propia comunidade instalou cámaras de seguridade nos portais e nos descansos das escaleiras para tratar de protexerse e controlar o acceso aos espazos comúns.
Para Verea, “cando os veciños senten que teñen que instalar cámaras nos descansos das escaleiras para sentirse seguros dentro do edificio no que viven, é evidente que existe un problema ao que hai que dar resposta”.
“Non podemos permitir que isto se normalice”
O líder popular reclamou unha resposta coordinada e sostida que permita recuperar a normalidade e a tranquilidade no edificio, incidindo na necesidade de actuar tanto contra o tráfico de drogas como sobre as consecuencias que este tipo de situacións provocan na convivencia.
Verea quixo recoñecer expresamente o traballo da Policía Nacional e as actuacións que está desenvolvendo contra o tráfico de drogas na cidade. “Sabemos que hai investigacións e intervencións policiais que están dando resultados. O que corresponde ás administracións é colaborar e utilizar tamén todos os recursos que teñen ao seu alcance”, indicou.
Neste sentido, incidiu especialmente no papel que debe asumir o Concello desde as súas competencias, tanto a través da Policía Local como dos servizos sociais, a prevención, a convivencia, a limpeza e a recuperación dos espazos afectados.“Aquí non estamos falando de estatísticas nin dunha discusión política. Estamos falando de persoas ás que miramos aos ollos, que nos abriron as portas das súas casas e que nos contaron como están vivindo. O mínimo que podemos facer é escoitalas e traballar para que recuperen a tranquilidade”, afirmou.