O concelleiro do Partido Popular de Santiago José Ramón de la Fuente alertou novamente da situación que están a vivir veciños de diferentes puntos do municipio por problemas relacionados co tráfico e consumo de drogas e reclamou ao goberno de BNG e CA que deixe de actuar como se se tratase de episodios illados e asuma as responsabilidades que lle corresponden desde o ámbito municipal.
De la Fuente referiuse, en concreto, á preocupación existente en Pardiñas, na parroquia de Laraño, onde os veciños volveron detectar un importante trasfego de persoas que acoden á zona, presuntamente, na procura de droga.
Trátase dunha problemática que os populares xa denunciaran meses atrás e que, despois dun período de maior tranquilidade, volve provocar inquietude entre os residentes.
Segundo trasladan veciños da zona, a situación volveu agravarse tras a recente intervención da Policía Nacional nas vivendas de San Ignacio de Loyola. Para o popular, esta circunstancia «demostra que a presión policial dá resultados alí onde se actúa, pero tamén que o problema non desaparece por si só e pode acabar trasladándose a outros puntos do municipio».
«Os veciños de Laraño xa pasaron por isto e non teñen por que resignarse a vivilo outra vez. Teñen dereito a vivir tranquilos e a que as administracións actúen antes de que a situación volva deteriorarse», subliñou.
Veciños que optan por marchar en Conxo
O concelleiro popular advertiu tamén da situación que se está a vivir nun inmoble da rúa Sánchez Freire, en Conxo, onde os residentes levan meses denunciando problemas de convivencia derivados do continuo trasfego de persoas.
Segundo explican os afectados, as liortas son frecuentes e nas zonas comúns do edificio prodúcense danos e problemas de salubridade pola presenza de feces e ouriños.
De la Fuente considera especialmente preocupante que a situación chegase ata o punto de que algún dos veciños xa optase por abandonar o inmoble e outros estean pensando en facer o mesmo.
«Non podemos aceptar que en Santiago haxa persoas que sintan que a única solución que lles queda para recuperar a tranquilidade é marchar da súa propia casa. Cando se chega a ese extremo é evidente que estamos ante un problema ao que as administracións teñen que dar resposta», remarcou.
A actuación policial funciona, pero non chega con trasladar o problema
Os populares queren recoñecer expresamente o traballo da Policía Nacional e poñer en valor as actuacións desenvolvidas para combater o tráfico de drogas na cidade. Para o edil popular «cando hai investigación, presenza policial e intervención, hai resultados».
O problema, explicou, é que unha actuación policial sobre un punto concreto non pode ter como única consecuencia que a actividade se desprace cara a outro barrio ou parroquia.
Neste sentido, De la Fuente reclamou ao goberno de BNG e CA unha maior implicación desde as competencias municipais, tanto no ámbito da Policía Local como desde os servizos sociais, a prevención, a convivencia, a limpeza e a recuperación dos espazos afectados.
«En Santiago existen problemas relacionados co tráfico e consumo de drogas en determinados puntos e negalo non contribúe a solucionalos. O Concello non pode mirar para outro lado cada vez que os veciños levantan a voz e esperar a que sexa exclusivamente a Policía Nacional quen afronte a situación», sostivo.
O Partido Popular reclama, por iso, unha coordinación efectiva e permanente coa Policía Nacional, reforzar a presenza e vixilancia da Policía Local dentro das súas competencias e mobilizar os recursos municipais necesarios en cada unha das zonas afectadas.
«O que estamos vendo demostra que non chega con actuar puntualmente sobre un foco se non existe unha estratexia sostida que evite que o problema simplemente cambie de enderezo. O goberno municipal ten que escoitar aos veciños, asumir a parte de responsabilidade que lle corresponde e empezar tamén a facer o seu», concluíu o concelleiro popular.