O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, pediu ao goberno municipal a máxima axilidade para poñer en marcha o novo transporte urbano.
Verea considera unha boa noticia que se desbloquee un servizo que leva unha década funcionando cun contrato caducado e reclamou ao goberno municipal que complete canto antes os trámites necesarios para que os composteláns poidan beneficiarse dos novos autobuses, das novas rutas e da mellora das frecuencias.
“Queremos que o novo transporte urbano entre en funcionamento canto antes, porque Santiago non pode seguir esperando. Pero esa axilidade debe ser compatible coa defensa dos dereitos dos usuarios”, afirmou.
Ademais, os maiores de 65 anos deixarían de gozar da gratuidade total da que dispoñen actualmente. “Modernizar o transporte público non pode significar encarecelo nin deixar atrás os nosos maiores. Queremos un servizo mellor e queremos que chegue canto antes, pero non a costa de perder dereitos”, sinalou Verea.
O líder popular lembrou que os informes de Secretaría e Intervención establecen que as tarifas deben aprobarse mediante unha ordenanza antes da entrada en funcionamento do novo servizo. Esta ordenanza deberá pasar necesariamente polo Pleno, onde o goberno de BNG e Compostela Aberta conta con só oito concelleiros e necesita o apoio doutros grupos.
Verea reiterou que a gratuidade do transporte para os maiores de 65 anos é unha “liña vermella” para o Partido Popular e que os seus once concelleiros non apoiarán ningunha ordenanza que supoña ese retroceso.
“Non imos poñer obstáculos á chegada do novo transporte urbano. Ao contrario: pedimos ao goberno que actúe con axilidade. Pero tamén lle esiximos que garanta que a mellora do servizo non se faga a costa dos usuarios. Se BNG, PSOE, concelleiras non adscritas e Compostela Aberta deciden quitarlles este dereito aos maiores, en maio de 2027 reporémolo”, concluíu.