A concelleira do Partido Popular de Santiago Nerea Barcia denunciou que o goberno de BNG e CA mantén aínda sen convocar as subvencións destinadas ás asociacións veciñais correspondentes a 2026. Un atraso que obriga as entidades a adiantar cos seus propios recursos os gastos correntes das actividades que xa están desenvolvendo e que, ao mesmo tempo, pon en risco a celebración doutras iniciativas organizadas para os veciños durante os próximos meses.
Barcia considera “absolutamente inadmisible” que o Concello chegue ao mes de setembro sen ter aprobadas unhas axudas fundamentais para o funcionamento do tecido asociativo. “As asociacións levan todo o ano organizando actividades, contratando servizos e asumindo compromisos económicos sen coñecer nin as condicións da convocatoria, nin os recursos cos que poderán contar, nin cando recibirán as axudas”, explicou.
A concelleira popular advertiu de que esta situación provoca que as entidades que dispoñen de recursos propios teñan que adiantar os cartos necesarios para manter a súa actividade, mentres que aquelas cunha menor capacidade económica poden verse obrigadas a suspender iniciativas xa previstas.
“O atraso do goberno de BNG e CA ten unha consecuencia directa: as asociacións teñen que financiar as actividades cos seus propios recursos ou deixar de facelas. A día de hoxe, moitas delas non saben se poderán levar a cabo propostas que xa teñen organizadas para os veciños”, afirmou Barcia.
A edil lembrou que as propias entidades solicitaron no Consello de Relacións Veciñais celebrado o pasado 29 de decembro a modificación das bases reguladoras. Porén, transcorridos máis de oito meses, continúan sen novas bases, sen convocatoria e sen información clara por parte da Concellería de Relacións Veciñais.
“O Goberno do BNG e CA presume constantemente de participación, pero despois deixa abandonadas as entidades que sosteñen boa parte da vida social, cultural e comunitaria dos barrios e das parroquias”, criticou Barcia, quen subliñou que as asociacións veciñais realizan un traballo imprescindible e non poden depender cada ano da improvisación e dos atrasos do Concello.
Por este motivo, o Partido Popular de Santiago esixe a convocatoria inmediata das subvencións correspondentes a 2026 e reclama o establecemento dun calendario anual estable que permita que estas axudas sexan convocadas e resoltas durante o primeiro semestre.
“As asociacións necesitan certezas para poder planificar e prestar os seus servizos aos veciños. Non están pedindo ningún privilexio, senón que o Concello cumpra en prazo coa súa responsabilidade e non poña en risco actividades fundamentais para os barrios e as parroquias”, concluíu Nerea Barcia.