O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, participou este venres na apertura oficial do curso académico da Universidade de Santiago de Compostela, onde destacou o enorme valor que a USC e a súa comunidade universitaria representan para a cidade.

Verea apostou por estreitar a colaboración entre o Concello e a Universidade para que todo o coñecemento, a investigación e o talento que se xeran nas súas aulas teñan un maior impacto no desenvolvemento económico e social de Santiago.

“Temos unha das grandes universidades de España e miles de mozos que se forman cada ano en Compostela. O reto é ofrecerlles oportunidades para que poidan quedar, emprender, traballar e desenvolver aquí os seus proxectos de vida”, afirmou.

Neste sentido, defendeu unha relación máis estreita entre a USC, as administracións e o tecido empresarial para facilitar a transferencia de coñecemento, apoiar novos proxectos e favorecer a creación de emprego cualificado.

O tamén deputado autonómico incidiu en que Santiago reúne as condicións necesarias para converterse nun polo de innovación e emprendemento, pero advertiu de que é necesario crear un ecosistema que acompañe o talento desde a etapa formativa ata a súa incorporación ao mercado laboral.

Así mesmo, sinalou que esta colaboración debe estenderse a ámbitos como a vivenda, a mobilidade ou a cultura, cuestións que afectan directamente á comunidade universitaria e que requiren unha visión compartida entre a USC e o Concello.“A Universidade sempre tivo un papel esencial na vida de Santiago. Agora debemos dar un paso máis e aproveitar todo o seu potencial para construír unha cidade máis dinámica, innovadora e con máis oportunidades”, concluíu Verea.