Coincidindo co inicio do curso escolar, o líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reuniu as nove medidas para pais e nais que foi presentando nos últimos meses e que formarán parte do seu proxecto de goberno para Santiago.

“Os pais e as nais van ser unha prioridade absoluta do próximo goberno municipal. E non o dicimos como unha declaración de intencións: detrás hai xa nove propostas concretas para facerlles máis fácil o día a día”, sinala Verea.

O popular considera que o inicio do curso é un bo momento para poñelas en común e explicar o alcance dun modelo que abrangue o colexio, as tardes, a mobilidade, os imprevistos, a alimentación escolar e as vacacións.

  1. EXTRAESCOLARES ORGANIZADAS POLO CONCELLO

Concello asumiría a organización das actividades extraescolares nos colexios, evitando que a responsabilidade da súa xestión recaia sobre as ANPAS e facilitando aos pais e nais unha oferta estable para as tardes durante o curso.

  1. IRLANDA PARA TODOS OS ALUMNOS DE 3º DA ESO

Un programa municipal para que todos os alumnos de 3º da ESO de Santiago poidan realizar durante o verán unha estadía de inmersión lingüística en Irlanda, incorporando a aprendizaxe do inglés como unha oportunidade para todos os rapaces da cidade.

  1. NOVOS CAMPAMENTOS POR TODA GALICIA

Ampliación da oferta municipal de verán coa organización de catro novos campamentos en diferentes puntos de Galicia, ofrecendo máis alternativas aos pais e nais durante as vacacións escolares.

  1. PARADA FAMILIA

Creación de prazas de estacionamento de moi curta duración para que os pais e nais poidan deixar ou recoller os seus fillos no colexio, así como realizar xestións rápidas en farmacias ou centros de saúde, sen converter cada parada nun problema de aparcamento.

  1. BOLSA FAMILIAR DE ZONA AZUL

Unha bolsa específica de estacionamento regulado para pais e nais, pensada para facilitar os desprazamentos e as necesidades cotiás vinculadas ao coidado dos fillos.

  1. SERVIZO MUNICIPAL DE CANGURAXE

Un servizo municipal para atender necesidades e imprevistos puntuais dos pais e nais cando non teñen con quen deixar os seus fillos, cun horario amplo e un número limitado de horas por familia.

  1. CASA DAS FAMILIAS

Creación dunha Casa das Familias, concibida como un espazo municipal de referencia para ofrecer información, orientación e apoio aos pais e nais de Santiago.

  1. REDE DE COCIÑAS ESCOLARES

Posta en marcha dunha Rede de Cociñas Escolares, cunha primeira fase en tres colexios, para avanzar cara a un modelo no que a comida dos nenos poida elaborarse nos propios centros.

  1. COLEBUS

Unha axuda municipal de ata 80 euros ao mes por fillo para sufragar o transporte escolar organizado polos centros concertados. ColeBus busca ao mesmo tempo aliviar o gasto dos pais e nais e reducir o número de vehículos que entran cada mañá na cidade.

“Cada neno que poida ir ao colexio en autobús pode ser un coche menos nas rúas de Santiago”, lembra Verea.

Un proxecto, non nove propostas illadas

Para Verea, reunir agora as nove iniciativas permite ver por primeira vez a dimensión do proxecto no seu conxunto. “Falamos das mañás, das tardes, do colexio, do verán, dos imprevistos, da mobilidade ou da alimentación dos nosos fillos. Non son nove medidas illadas. Son unha forma de entender a cidade”.

O líder popular sitúa como obxectivo que «calquera pai ou nai de Santiago saiba que vai ter un Concello do seu lado» e mantén a ambición expresada no inicio do curso político:

“Queremos facer de Santiago a cidade de Europa que máis pense nos pais e nas nais”.