O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reafirmou o seu compromiso de situar o período medio de pagamento aos provedores en trinta días durante o primeiro ano de mandato e por debaixo dos vinte a partir do segundo, despois de coñecerse que o Concello rexistraba unha media de cen días ao peche de xuño. Esta medida, xa anunciada, forma parte das propostas que está dando a coñecer semanalmente para explicar o seu proxecto de cidade e os compromisos que asumirá se é alcalde a partir de 2027.
Verea enmarca esta proposta nun modelo de administración municipal máis áxil, que facilite o traballo de autónomos, pequenas e medianas empresas e profesionais que prestan servizos ao Concello.
“Non estamos falando simplemente dunha cifra ou dun indicador administrativo. Estamos falando de persoas que fan un traballo, que teñen nóminas, impostos e gastos que pagar e que necesitan saber cando van cobrar”, sinalou.
O líder popular destacou que pagar en prazo permite ás empresas atender as súas obrigas, organizar a súa actividade e planificar con maior seguridade. “Pagar en prazo é unha obriga, pero tamén é unha cuestión de respecto por quen traballa, emprende e crea emprego na nosa cidade”, afirmou.
Para alcanzar ese obxectivo, propón reorganizar o funcionamento interno do Concello, reducir burocracia, mellorar a coordinación entre departamentos, simplificar os procedementos e establecer un seguimento permanente das facturas pendentes.
“Queremos un Concello serio, áxil e puntual, que respecte tamén o tempo e o diñeiro da xente. Se a administración esixe aos cidadáns que cumpran as súas obrigas en prazo, ten que dar exemplo”, incidiu.
Para Verea, reducir os tempos de pagamento non é unha cuestión de incrementar o gasto público, senón de cambiar a forma de xestionar. “Isto non vai de gastar máis. Vai de xestionar mellor. E de entender que detrás de cada factura hai empresas, autónomos, empregos e persoas que teñen dereito a cobrar cando lles corresponde”, explicou.
Propostas para facerlle a vida máis fácil á xente
Verea enmarca este compromiso nun modelo de Concello pensado para facilitar o día a día dos composteláns. Nos últimos meses presentou propostas como incorporar Bizum para o pagamento de taxas, actividades e servizos municipais, co obxectivo de simplificar a relación dos cidadáns coa administración.
A esta iniciativa súmase o paquete de medidas dirixidas ás familias, con propostas como a Parada Familiar e unha bolsa de horas gratuítas de zona azul, a xestión municipal das actividades extraescolares, un servizo municipal de canguraxe para imprevistos, tres semanas en Irlanda para alumnado de 3º da ESO e unha rede ampliada de campamentos de verán.
Tamén propuxo a creación da Casa das Familias, como espazo municipal gratuíto de apoio, orientación e acompañamento ás familias, así como avanzar cara a unha rede de cociñas propias nos colexios públicos.
“Todas estas propostas parten dunha mesma idea: que o Concello facilite a vida da xente. Ese é o cambio que queremos para Santiago”, concluíu.