• O líder popular defende que o Concello debe reclamar ante calquera administración cando sexa necesario, pero tamén dialogar, acordar e buscar solucións
  • “Os santiagueses non necesitan máis conflitos entre administracións. Necesitan que as administracións traballen xuntas para resolver os seus problemas”

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, defendeu hoxe unha forma diferente de entender as relacións do Concello co resto das administracións tras a reunión celebrada onte no Pazo de Raxoi entre as alcaldesas de Santiago e A Coruña.

“Raxoi ten que ser a casa das solucións, non o escenario da confrontación”, afirmou Verea, quen considera que a defensa dos intereses de Santiago é perfectamente compatible coa colaboración institucional.

“Un alcalde ten que defender Santiago e reclamar á Xunta, ao Goberno de España ou a calquera administración cando sexa necesario. Iso forma parte da súa responsabilidade. Pero unha cousa é defender Santiago e outra converter a confrontación entre administracións nunha forma de facer política.”

Verea referiuse así á reunión mantida onte por Goretti Sanmartín e Inés Rey, na que ambas alcaldesas acordaron reforzar a súa colaboración para confrontar coa Xunta, chegando a utilizar publicamente o termo “boicot”.

O líder popular considera que Santiago necesita unha relación institucional baseada na esixencia cando sexa necesaria, pero tamén no diálogo e na capacidade de chegar a acordos. “Eu quero un Concello que reclame cando teña que reclamar, pero que tamén dialogue, acorde e resolva. Un Concello que dedique as súas enerxías a buscar solucións aos problemas dos santiagueses”.

Para Verea, as diferenzas entre administracións non deberían impedir a cooperación cando están en xogo asuntos importantes para a cidade. “O Concello non pode instalarse nun conflito permanente. Gobernar tamén significa falar con quen pensa diferente, buscar acordos e conseguir resultados para a cidade”.

Neste sentido, Verea defendeu que o Pazo de Raxoi debe recuperar o seu papel como lugar desde o que construír acordos e resolver os problemas da cidade. “Os santiagueses non necesitan máis conflitos entre administracións. Necesitan que as administracións traballen xuntas para resolver os seus problemas. Esa é a forma de gobernar que quero para Santiago”.

Verea concluíu que “Raxoi ten que ser a casa das solucións. Esa é a diferenza”.