• Yolanda Otero critica que o bipartito anuncie unha nova convocatoria mentres as familias continúan agardando polo pagamento das axudas do ano pasado

A concelleira do Partido Popular encargada de asuntos sociais, Yolanda Otero, denuncia que o goberno local aínda non pagou as axudas correspondentes ao ano 2025 para sufragar gastos relacionados con medidas terapéuticas e coa adquisición de produtos sen glute para menores diagnosticados de celiaquía.

“Estamos en setembro e as axudas do ano pasado seguen sen pagarse. É unha situación absolutamente inconcibible que prexudica directamente as familias compostelás”, advirte Otero.

Para a concelleira popular, trátase dunha “absoluta falta de respecto institucional”, xa que o bipartito anuncia as axudas deste ano cando aínda non abonou as anteriores. “Estamos ante o goberno minoritario do anuncio e da ineficacia política, que presume de ser o máis social e de defender o público, pero tarda meses en pagar unhas axudas destinadas ao benestar das familias con menores do noso concello”, sinala.

En agosto do ano pasado, o goberno municipal do BNG e Compostela Aberta presentou esta medida autocalificándoa de pioneira. Máis dun ano despois, as familias beneficiarias aínda non recibiron as axudas concedidas, cuxo prazo de xustificación rematou o pasado 10 de decembro.

“Falamos de familias con menores que levan desde decembro agardando por un pagamento necesario para afrontar os gastos da súa vida cotiá. Mentres o Concello esixe á veciñanza dilixencia e rigor nos prazos de solicitude e xustificación, el mesmo incumpre sistematicamente as súas obrigas”, denuncia Otero.

A concelleira popular considera que existe unha “asimetría manifesta” que sitúa a veciñanza nunha evidente posición de desvantaxe. “Xa é coñecida a tardanza endémica deste goberno minoritario no pagamento das axudas municipais, pero resulta inaceptable que sexa áxil para o que lle interesa mentres, para apoiar as familias no seu día a día, só ofrece escusas e trabas”, engade.

Otero advirte de que resulta especialmente grave que o goberno local anuncie agora unha nova convocatoria sen explicar cando pensa abonar a anterior. “Como poden pedirlles ás familias que volvan presentar documentación e cumprir novos prazos cando o propio Concello aínda non cumpriu coa súa parte? Antes de facer novos anuncios, o bipartito debe pagar o que debe e ofrecer unha explicación clara ás persoas afectadas”, reclama.

O Partido Popular esixe á alcaldesa, Goretti Sanmartín, que “xestione e pague dunha vez estas axudas, en lugar de culpar os demais”, e que cumpra as obrigas adquiridas coas familias. “As veciñas e os veciños de Santiago merecen respecto, eficacia e lealdade institucional”, conclúe.