- O líder do PP de Santiago denuncia que houbo quendas con só a metade dos efectivos mínimos establecidos polo propio Concello e pregunta quen tomou a decisión que provocou esta situación
- Verea esixe ao Goberno que aclare se mantén que faltaron efectivos porque os policías locais non quixeron facer horas extraordinarias
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, esixiu hoxe no Pleno municipal á alcaldesa explicacións sobre as quendas da Policía Local que durante este verán chegaron a contar con só seis axentes para toda a cidade, a metade dos efectivos mínimos establecidos polo propio Concello.
Verea lembrou que a normativa municipal fixa para as fins de semana de verán un mínimo de 12 efectivos na quenda de mañá, 12 na de tarde e 11 na de noite. Porén, segundo expuxo no Pleno, este verán houbo quendas nas que só prestaron servizo seis policías locais. Ademais, segundo a información da que dispón o PP, houbo servizos nos que tampouco se garantiu a presenza preceptiva dun oficial encargado de coordinar e supervisar o dispositivo. “Isto non é unha crítica á Policía Local. Exactamente todo o contrario”, subliñou Verea, que incidiu en que son os propios axentes “os primeiros que sofren unha situación na que seis persoas teñen que responder ás incidencias dunha cidade enteira”. “O problema non son os profesionais. O problema é quen toma as decisións políticas e organizativas que determinan con cantos efectivos teñen que prestar o servizo”, afirmou.
Que sabía a alcaldesa?
O líder popular centrou boa parte da súa intervención en reclamar á alcaldesa que aclare se coñecía que había quendas da Policía Local funcionando por debaixo dos mínimos establecidos polo propio Concello e, no caso de sabelo, que explique que medidas adoptou para evitalo. “Sabía a alcaldesa que isto estaba ocorrendo? Sabía que había quendas da súa Policía Local funcionando por debaixo dos mínimos establecidos polo propio Concello?”, preguntou Verea.
O líder popular reclamou tamén coñecer quen tomou a decisión que provocou esta situación. Segundo a información exposta por Verea no Pleno, non se tratou dunha emerxencia imprevisible, senón dunha situación relacionada coas horas extraordinarias necesarias para completar os efectivos. “Queremos saber quen decidiu que esas horas non se habilitasen sabendo que o resultado desa decisión era deixar as quendas por debaixo dos mínimos”, sinalou.
Verea insistiu en que existen dúas posibilidades que o Goberno debe aclarar: “Se a alcaldesa o sabía, queremos saber que fixo para corrixilo e que responsabilidade política asume por permitilo. E se non o sabía, queremos saber como é posible que unha situación desta importancia estivese acontecendo sen coñecemento da máxima responsable do Goberno municipal”.
Faltaron efectivos porque os policías non quixeron facer horas extra?
Na súa réplica, Verea puxo o foco na explicación ofrecida polo Goberno local durante o debate e esixiu que aclare se realmente sostén que non se puideron completar as quendas porque os propios policías locais non quixeron facer horas extraordinarias. “O que vén de dicir este Goberno local é que os policías locais non queren facer horas extras ou que voluntariamente non queren facer horas extras e que por iso non se puido cubrir”, lembrou Verea, antes de pedir ao Goberno que deixe claro se mantén esa afirmación.
Para o líder popular, o Goberno non pode trasladar unha explicación destas características sen aclarar exactamente que ocorreu e quen tomou as decisións que levaron a que a cidade tivese quendas con só a metade dos efectivos mínimos.
Verea lamentou ademais que a alcaldesa non respondese directamente ás preguntas formuladas e volveu reclamar respostas sobre tres cuestións: “Por que houbo só seis policías, a metade do mínimo? Quen tomou a decisión? Sabía a alcaldesa o que estaba acontecendo? E, se o sabía, que fixo para intentar corrixilo?”.
O líder popular concluíu reclamando ao Goberno municipal respostas claras sobre unha situación que afecta directamente á organización e aos medios cos que a Policía Local presta servizo na cidade.