O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, participou no III Cóctel Solidario da Obra Social Pediatría, celebrado na Fundación Laboral da Construción, unha cita que reuniu a profesionais, familias e persoas comprometidas co labor que desenvolve a entidade.

Verea quixo poñer en valor unha iniciativa que ten como protagonistas aos nenos e nenas e ás súas familias, destacando especialmente o acompañamento aos pais e nais que atravesan momentos difíciles durante a enfermidade dos seus fillos.

“Detrás de cada neno ou nena hai unha familia enteira que necesita sentirse acompañada, escoitada e coidada. E aí o traballo que realiza a Obra Social Pediatría ten un valor enorme”, sinalou.

Para Verea, Santiago debe ser unha cidade que acompañe ás familias en todas as etapas da vida e, especialmente, cando aparecen as dificultades. “Coidar dos nenos e nenas é tamén coidar dos seus pais e nais, facerlles a vida un pouco máis doada e que sintan que teñen unha cidade ao seu lado”, afirmou.

O líder popular agradeceu finalmente o traballo dos profesionais e de todas as persoas que colaboran coa Obra Social Pediatría, así como a implicación de quen participou nesta cita solidaria.

“Queremos un Santiago no que as familias sintan que importan e que teñen ao seu carón unha cidade que as coida”, concluíu Verea.