O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou esta semana a necesidade de poñer en valor a realidade de moitos mozos e mozas de Santiago que dedican parte do seu tempo aos demais, participan activamente na súa comunidade e queren contribuír a construír unha sociedade mellor.

“Ás veces falamos da mocidade só a través dos problemas que máis ruído fan. Pero hai outra realidade que tamén merece ser contada: a de moitos rapaces e rapazas responsables, solidarios e con ganas de implicarse. Temos que falar máis deles e, sobre todo, poñerlles máis fácil participar”, destacou Verea.

O líder popular realizou estas declaracións tras participar, acompañado polo concelleiro Borja Rubio, nun encontro de Cáritas cos mozos e mozas que se incorporan este ano aos diferentes programas de voluntariado da entidade. Na xuntanza participaron tamén o director de Cáritas Interparroquial de Santiago, Carlos Juiz, e persoal da entidade.

Durante o encontro, os novos voluntarios puideron coñecer os diferentes ámbitos nos que poden colaborar, compartir as súas inquietudes e achegarse ao traballo que Cáritas desenvolve ao longo de todo o ano. Verea agradeceulles especialmente a disposición de dedicar parte do seu tempo aos demais.

Para o tamén deputado autonómico, as administracións públicas teñen a responsabilidade de facilitar este tipo de participación. “Temos que estar ao lado das entidades que realizan este labor e facilitar que cada vez máis rapaces e rapazas que queiran implicarse teñan oportunidades para facelo. Estes mozos demostran que hai unha xeración con valores, compromiso e ganas de contribuír á súa cidade”.

Verea enmarcou esta visión no modelo de cidade amable coas familias que vén defendendo e para o que nos últimos meses presentou diferentes propostas dirixidas a pais, nais, nenos e mozos. “Queremos facer de Santiago unha cidade que acompañe ás familias e que tamén pense nos seus rapaces cando medran, ofrecéndolles oportunidades para participar e sentirse parte da súa cidade”.

Finalmente, agradeceu a Carlos Juiz e a todo o equipo de Cáritas o traballo que realizan diariamente e, especialmente, o seu labor para involucrar ás novas xeracións. “Santiago ten que sentirse orgulloso de contar con xente nova disposta a implicarse e axudar aos demais”, concluíu.

Screenshot