O líder do PP de Santiago comprométese a mellorar a situación das profesionais dun servizo municipal esencial para a atención das persoas maiores e dependentes
O líder do PP de Santiago, Borja Verea, afirmou hoxe que o seu goberno mellorará as condicións laborais e económicas das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo municipal esencial para atender as persoas maiores e dependentes nos seus propios domicilios.
«Eu fun claro con elas. Díxenlles que non iamos municipalizar o servizo, pero si que iamos mellorar as súas condicións económicas e laborais», lembrou Verea, que contrapuxo este compromiso ás promesas realizadas polo BNG e Compostela Aberta durante a campaña electoral de 2023, cando, segundo sinalou, ofreceron municipalizar o servizo e converter as traballadoras en funcionarias.
Verea denunciou que, tres anos despois daquelas promesas, a situación das profesionais continúa a ser moi preocupante. «Non moveron un só dedo para intentar municipalizar estas traballadoras. Mentíronlles na cara hai tres anos», afirmou.
O líder popular advertiu de que, por primeira vez na historia de Santiago, as traballadoras do SAF quedaron sen cobrar unha nómina e que, a día de hoxe, seguen sen percibir a paga extra de verán e os quilometraxes. «Están nunhas condicións laborais e económicas tercermundistas», subliñou.
Un servizo esencial para centos de familias
Verea puxo o foco na importancia do labor que realizan estas profesionais, na súa inmensa maioría mulleres, que coidan e atenden as persoas maiores e dependentes nos seus fogares, especialmente cando as familias non poden facerse cargo delas.
«Son as mulleres que atenden os nosos maiores, que os coidan e os miman, e tamén as persoas dependentes cando as familias non se poden facer cargo», lembrou.
Neste sentido, considerou que a situación actual resulta especialmente grave ao tratarse dun servizo municipal imprescindible para o benestar de centos de familias compostelás.
«Que este goberno levase tres anos sacando peito deste servizo cando o está deixando practicamente desmantelado, nunha situación tercermundista, é unha falta de respecto xa non só ás propias traballadoras, senón tamén a todas estas familias, a todos estes dependentes, a todos estes maiores e a todos os santiagueses», denunciou.
O líder do PP compostelán insistiu en que o SAF require condicións laborais e económicas dignas para as profesionais que o prestan, así como unha atención acorde coa importancia dun servizo do que dependen numerosas persoas maiores e dependentes da cidade.