• Olaya Otero advirte de que a falta de iluminación está a alterar as rutinas das familias e a xerar inseguridade: «Non é admisible que os veciños leven meses reclamando un servizo básico sen recibir sequera unha resposta do Concello»
  • Os populares lembran que xa denunciaron en 2024 a situación da Travesía da Estrada, unha vía próxima ao IES Lamas de Abade pola que transitan numerosos estudantes

O Partido Popular de Santiago, a través da concelleira Olaya Otero, denuncia a falta de alumeado público en diferentes puntos do municipio e reclama ao Goberno de Goretti Sanmartín unha solución urxente a unha situación que está a afectar á seguridade e á vida cotiá dos veciños.

A concelleira popular explica que, ao longo desta semana, o PP recibiu as queixas de residentes da rúa Aquilino Iglesia Alvariño, en Roxos, e dun tramo da Travesía da Estrada. Dúas zonas diferentes da cidade que comparten un mesmo problema: a ausencia de iluminación pública e a falta de resposta do Concello ás reclamacións veciñais.

«Que está pasando co alumeado público en Santiago? Como é posible que haxa familias que leven meses sen luz nas súas rúas e que o Goberno municipal nin sequera lles dea unha explicación?», pregunta Otero.

Meses sen luz e familias obrigadas a cambiar as súas rutinas

No caso da rúa Aquilino Iglesia Alvariño, en Roxos, os veciños aseguran que levan sen alumeado público desde o pasado mes de xuño, unha situación que xa comunicaron ao Concello sen que, ata o momento, obtivesen unha solución nin resposta ás súas reclamacións.

Segundo trasladaron ao Partido Popular, a falta de iluminación obrigounos a modificar hábitos tan cotiáns como os desprazamentos dos seus fillos, aos que agora teñen que ir recoller en coche cando antes podían regresar camiñando ás súas casas.

Tamén explican que deixaron de pasear ou practicar deporte na zona ao anoitecer pola escasa visibilidade e a sensación de inseguridade. A isto súmase a preocupación ante a posibilidade de que se produzan roubos nas vivendas.

Otero advirte de que a situación se agrava coa chegada do outono e o cambio horario, que reducen as horas de luz natural e fan aínda máis necesario garantir o correcto funcionamento do alumeado público.

«Estamos falando de familias que non poden facer vida normal no seu propio barrio porque o Concello non é capaz de garantir algo tan elemental como a iluminación das súas rúas», lamenta.

A concelleira popular subliña, ademais, o malestar dos afectados pola falta de atención do Goberno municipal. «Os veciños pagan os seus impostos como calquera outro compostelán e teñen exactamente o mesmo dereito a recibir uns servizos públicos dignos. Non poden sentirse abandonados polo Concello no que viven», sinala.

A Travesía da Estrada, un problema denunciado xa en 2024

A situación repítese na Travesía da Estrada, onde os veciños levan anos reclamando iluminación pública nun tramo da vía sen que se atendesen as súas demandas.

O Partido Popular lembra que xa denunciou este problema en 2024 e lamenta que, dous anos despois, teña que volver esixir unha solución para unha zona especialmente sensible pola súa proximidade ao IES Lamas de Abade, ao que acoden numerosos estudantes.

Os residentes advirten de que a falta de visibilidade converte este tramo nun percorrido inseguro, especialmente a primeira hora da mañá e ao anoitecer, unha situación que se agrava durante os meses de outono e inverno.

«O que resulta incomprensible é que dous anos despois da nosa primeira denuncia sigamos falando exactamente do mesmo problema. Non estamos pedindo unha gran infraestrutura nin un investimento extraordinario, senón un servizo público básico», insiste Otero.

Otero reclama a Goretti Sanmartín que actúe de inmediato nos dous puntos afectados, que informe á veciñanza das causas da falta de iluminación e que estableza unha solución definitiva.

«O estado de abandono que presentan moitos barrios de Santiago demostra que a Goretti Sanmartín e ao seu goberno lles queda grande a cidade. Gobernar tamén é ocuparse das pequenas cousas que condicionan a vida diaria das persoas. E garantir que as rúas teñan luz debería ser o mínimo», conclúe.