O líder do PP de Santiago anuncia a creación, en xuño do 27, dunha Mesa de Traballo específica e exclusiva para acordar unha mellora real das súas condicións económicas
Borja Verea interveu hoxe no Pleno municipal para reclamar melloras nas condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como medidas que garantan a continuidade e a calidade da atención que reciben as persoas maiores, dependentes e familias usuarias deste servizo esencial.
O líder do PP de Santiago puxo o foco na situación das profesionais que cada día acoden aos domicilios para atender persoas que, en moitos casos, non poden valerse por si mesmas. «O éxito deste servizo non se mide polos millóns de euros nin polo número de persoas atendidas. Mídese pola atención que realmente recibe cada unha desas persoas», sinalou.
Neste sentido, advertiu de que continúan chegando informacións sobre servizos que se suspenden durante as fins de semana, familias ás que se lles comunica con moi pouca antelación que non van recibir a atención prevista e dificultades para substituír as traballadoras cando se producen baixas. Unha situación que, segundo explicou, afecta directamente a persoas que necesitan esa atención no seu día a día e ás familias que dependen dela.
Pero Verea quixo poñer especialmente o foco nas condicións laborais e salariais das profesionais do SAF. «Estamos falando de profesionais que realizan un traballo esencial, clave, que entran cada día nos domicilios de persoas maiores e dependentes e que merecen unhas retribucións dignas, estabilidade e respecto polo seu traballo», afirmou.
Tras lembrar a reunión mantida recentemente con traballadoras do servizo e as reivindicacións que lle trasladaron, Verea reiterou o compromiso adquirido publicamente: «Se o próximo 12 de xuño asumo a alcaldía de Santiago, impulsarei desde o primeiro día a constitución dunha Mesa de Traballo coa participación dos representantes das traballadoras, das empresas e do Concello».
Unha mesa que terá un obxectivo único e concreto: estudar e acordar unha mellora real das retribucións e das condicións laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar en Santiago de Compostela, con todas as garantías de viabilidade económica, orzamentaria e xurídica.
«Non podemos resignarnos a que un servizo esencial para as persoas dependentes se sosteña sobre unhas condicións laborais e salariais insuficientes. Mellorar o salario de quen coida tamén contribúe a mellorar a atención de quen necesita ser coidado», destacou.
O líder popular lembrou que o contrato actual está rematando a súa vixencia, nunha situación de prórroga á que se opón a empresa contratista, e que o Concello está tramitando unha nova licitación. Porén, advertiu de que a adxudicación dun novo contrato non resolve automaticamente os problemas que están sufrindo actualmente nin as persoas usuarias nin as traballadoras.
«A responsabilidade do Concello non remata cando se adxudica un servizo. Ten que comprobar que se presta correctamente, esixir o cumprimento e actuar cando se producen incidencias, pero, sobre todo, ten que actuar cando decide como se vai prestar ese servizo e elabora os pregos», apuntou.
Neste contexto, formulou tres preguntas ao Goberno local: cantas horas de atención recoñecidas ás persoas usuarias deixaron de prestarse nos últimos meses; que medidas está adoptando o Concello para garantir as substitucións e evitar a suspensión dos servizos durante as fins de semana; e como vai garantir que o novo contrato supoña unha mellora real das condicións das traballadoras e da continuidade da atención.
Durante o debate plenario, Verea cuestionou tamén os argumentos do Goberno local sobre a imposibilidade de mellorar as condicións laborais e salariais por riba do convenio colectivo. O líder popular defendeu que o Concello dispón de instrumentos xurídicos, administrativos e orzamentarios para estudar e impulsar esa mellora e acusou o Executivo de desviar o debate cara ao importe económico do contrato sen responder ás cuestións formuladas.
«Temos medios xurídicos, administrativos e orzamentarios suficientes para facer esa mellora. O que hai que ter é vontade política e non andar falando de millóns de euros e millóns de euros sen responder ás preguntas», afirmou.
Verea insistiu en que o compromiso é concreto e público e que, se obtén a confianza dos santiagueses para asumir a alcaldía, convocará desde o primeiro día esa mesa de traballo cun único punto na orde do día: a mellora das condicións salariais e laborais das traballadoras do SAF.
«Están en mellores condicións as auxiliares agora ou antes de todos eses millóns de euros? Estase prestando mellor o Servizo de Axuda no Fogar agora ou antes?», preguntou, reiterando que a prioridade debe ser garantir unhas condicións dignas para as profesionais e unha atención adecuada para todas as persoas que necesitan este servizo.