O líder do PP de Santiago, Borja Verea, reuniu as asociacións veciñais e as comisións de festas de Compostela nun encontro concibido para agradecerlles persoalmente o seu labor, recoñecer o seu compromiso coa cidade e poñer en valor o traballo que realizan durante todo o ano para mellorar a vida dos santiagueses.

Un encontro no que compartir un tempo de conversa tranquila, nun ambiente distentido, no que poder falar sen présas, e no que, por unha vez, fosen eles os protagonistas e puidesen sentirse recoñecidos por todas esas horas de dedicación e compromiso coa Cidade. “Estamos afeitos a que sexades sempre vós os que nos atendades, os que nos trasladedes as demandas dos veciños e os que esteades aí, sen recibir nada a cambio. Hoxe queriamos que fose ao revés”, sinalou Verea.

O líder popular destacou a relación de proximidade que se foi construíndo ao longo dos anos, despois de tantas reunións e encontros, e asegurou que son plenamente conscientes das dificultades ás que se enfrontan as persoas que asumen esta responsabilidade nos seus barrios e parroquias. “Somos conscientes de que o voso traballo é moi complicado. Sempre estades dando a cara e moitas veces recibides inxustamente a queixa do veciño, pero vós non sodes os culpables de que non se solucionen os problemas”, afirmou Verea, que quixo recoñecer tamén o papel que desempeñan como interlocutores directos dos cidadáns e como persoas que coñecen de primeira man as necesidades de cada barrio e parroquia.

Neste sentido, subliñou que tanto as asociacións veciñais como as comisións de festas son fundamentais para manter viva a vida social de Compostela, fomentar a convivencia e facer posible que os barrios e as parroquias conten con espazos de encontro e actividades que fortalecen os vínculos entre os seus habitantes.

“Queríamos facer isto como unha pequena homenaxe. Un recoñecemento por todas esas horas que lle quitades á vosa familia, aos vosos traballos e ao voso día a día, a cambio de nada, de maneira totalmente desinteresada”, destacou.

Verea insistiu en que comparten un obxectivo común: traballar para que Santiago sexa unha cidade na que os seus veciños se sintan escoitados e na que os problemas dos barrios e das parroquias reciban a atención que merecen. “Temos un mesmo obxectivo: facer a vida máis fácil aos santiagueses, e se pode ser, máis feliz. E iso é algo que nos une a todos», afirmou.

O líder do PP compostelán concluíu agradecendo a dedicación, a xenerosidade e a implicación de todas as persoas que, de maneira altruísta, dedican parte do seu tempo a traballar polos demais. “Santiago ten unha débeda de gratitude con todos vós”, concluíu Verea, que puxo en valor a importancia de seguir escoitando, compartindo propostas e mantendo unha relación directa coas persoas que traballan cada día polos seus barrios e parroquias.