- O líder do PP de Santiago traslada o seu apoio a esta entidade centenaria, que presta asistencia sanitaria a máis de 7.100 mutualistas e leva máis de cinco anos intentando resolver os problemas de acceso ás súas oficinas
- Verea propón que o Concello impulse o diálogo coa comunidade de propietarios, axilice as actuacións administrativas necesarias e garanta unha solución que permita á entidade continuar desenvolvendo o seu labor
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, visitou a sede da Unión de Artesáns para coñecer de primeira man os problemas de accesibilidade que afectan ás súas oficinas e trasladar o seu apoio a esta histórica entidade compostelá. Durante o encontro, Verea reclamou ao goberno de Goretti Sanmartín unha implicación activa para desbloquear unha situación que se prolonga desde hai máis de cinco anos e que afecta especialmente ás persoas maiores e con dificultades de mobilidade.
A Unión de Artesáns, fundada en 1926, é unha entidade sen ánimo de lucro que presta asistencia sanitaria a máis de 7.100 mutualistas e que leva un século vinculada á vida social de Compostela. Para Verea, “unha institución que leva cen anos coidando dos santiagueses merece atopar no Concello un aliado que lle axude a resolver os seus problemas e a seguir desenvolvendo o seu labor”.
As oficinas da mutualidade, situadas na rúa Xeneral Pardiñas 9-11, contan actualmente cun acceso a través dunhas escaleiras estreitas e empinadas, que dificultan a entrada das persoas con mobilidade reducida. A solución pasa por executar as actuacións necesarias para permitir o uso do ascensor existente no edificio, unha cuestión que continúa sen resolverse ante a negativa da comunidade de propietarios a realizar as obras.
Neste sentido, Verea considera que o Concello debe asumir un papel activo e impulsar as medidas que legalmente correspondan para desbloquear esta situación. “Non podemos permitir que unha cuestión tan básica como a accesibilidade se converta nun problema interminable. As administracións están para facilitar solucións, especialmente cando falamos de garantir os dereitos e a atención ás persoas”, sinalou.
Tres propostas para desbloquear a situación
O líder popular propón que o Concello convoque unha reunión de traballo coa Unión de Artesáns e coa comunidade de propietarios para buscar unha solución técnica e legal que permita o acceso ao ascensor. Así mesmo, reclama que se axilicen as actuacións administrativas necesarias e que se estuden, en colaboración coa entidade, as alternativas que permitan garantir a atención aos mutualistas mentres non se resolva definitivamente o problema.
Verea tamén mostrou a súa preocupación pola decisión adoptada polo Concello o pasado mes de xuño de suspender a actividade das oficinas, alegando que se atopan nunha entreplanta. Unha resolución que a mutualidade recorreu ante os tribunais, ao considerar que conta co correspondente título habilitante para desenvolver a súa actividade nunhas instalacións que ocupa de maneira ininterrompida desde hai máis de corenta anos.
O líder popular defendeu o respecto aos procedementos administrativos e xudiciais, pero insistiu en que estes non deben impedir que o goberno municipal traballe para atopar unha solución. “O que necesitan os mutualistas son respostas. Queremos un Concello que escoite, que dialogue e que se implique para resolver os problemas, non que deixe pasar os anos sen ofrecer unha saída”, afirmou.
Finalmente, Verea reiterou o compromiso do Partido Popular coas entidades sociais de Compostela e puxo en valor a contribución da Unión de Artesáns ao benestar de miles de persoas. “Santiago ten a sorte de contar con institucións que levan toda unha vida traballando polos seus veciños. A nosa responsabilidade é apoialas, coidalas e facilitar que poidan seguir facéndoo durante moitos anos máis”, concluíu.