>
  • Este proxecto ten como obxecto a creación e ordenación duns itinerarios xa existentes, combinados con novas sendas saudables, aproveitando os recursos naturais dos ríos Sar e Sarela, dos parques e da contorna próxima á cidade
  • Os Populares propoñen unha serie de circuítos interconectados entre si, que favorezan a transición do espazo urbano ao natural e que promova un modelo de vida máis saudable e máis activo
  • Agustín Hernández explicou os eixos principais sobre os que circularán as actividades deseñadas para este proxecto, como son a natureza; o deporte; e a cultura
  • Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019. O candidato e presidente do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, presentou hoxe unha nova cláusula do seu contrato capital, que suporá a posta en marcha do proxecto “Sendas de Compostela”, que suporá un itinerario de 300 quilómetros, repartidos en 10 circuítos, que atravesarán espazos rurais e urbanos.

    Este proxecto ten como obxecto a creación e ordenación duns itinerarios xa existentes, combinados con novas sendas saudables, aproveitando os recursos naturais dos ríos Sar e Sarela, dos parques e da contorna próxima á cidade. Así, os Populares propoñen unha serie de circuítos interconectados entre si, que favorezan a transición do espazo urbano ao natural e que promova un modelo de vida máis saudable e máis activo.

    Hernández destacou que se trata dun espazo único, organizado e sinalizado, que facilitará aos veciños de Santiago a creación de hábitos saudables e de actividades físicas, que faciliten a súa fidelización posterior. Estas sendas estarán orientadas, sobre todo, para ser empregadas para andar, correr ou para BTT.

    Así mesmo, os usuarios contarán con instalacións adicionais para a promoción da práctica deportiva e a actividade física, como parques saudables, puntos de aluguer de bicicletas, instalacións deportivas (Campus Sur, Santa Isabel, San Lázaro, Sar, e os futuros parque deportivo Brañas de Sar e o proxecto Bike Park no Monte Pedroso.

    Durante a súa intervención, Agustín Hernández explicou os eixos principais sobre os que circularán as actividades deseñadas para este proxecto, como son a natureza, a través de parques urbanos; os ríos; a flora e a fauna; o deporte, concretamente, con instalacións deportivas tradicionais, espazos ao aire libre para a práctica da actividade física, espazos de ocio e recreo; e a cultura, poñendo en valor a arquitectura da cidade, a súa historia, os seus museos, as exposicións, as nosas tradicións e o Camiño de Santiago.

    O candidato Popular engadiu tamén que a senda perimetral contará cunha sinalización específica, tanto de dirección como de distancia percorrida. Os circuítos alternativos contarán cunha distinción empregando cores diferentes e as rutas saudables de conexións entre circuítos terán tamén a súa propia calificación.

    Por outra banda, tamén se elaborarán distintos folletos e planos do circuíto global e planos específicos por percorridos específicos, que se poderán descargar desde a web do Concello ou para o móbil.

    Así, a dinamización deste proxecto farase a través de actividades e eventos guiados e organizados, tanto a nivel de circuíto global como específico, ademais e ditos eventos tamén serán publicados na web, onde se informará das actividades previstas e facilitará ao cidadán acceder ás actividades máis interesantes.