>
  • Denuncia o “ocultismo” nas concesións de tres convocatorias desde o ano 2015 por importe de 280.000 euros, dentro do programa “Compostela Móvese”
  • No mes de decembro, a concelleira de Desenvolvemento Económico recoñecía que as solicitudes do ano 2017 non foran resoltas, polo que “asumia a súa responsabilidade”
  • No ano 2018 esta liña de axudas para a creación de empresas non foi convocada, a pesar de que, segundo o propio Goberno, á edición de 2015 se presentaran máis de 100 solicitudes
  • Santiago de Compostela, 8 de abril de 2019. Desde que no ano 2015, o Goberno de Compostela Aberta creara as axudas para a creación de novas empresas dentro do programa “Compostela Móvese” nada ten transcendido sobre os detalles da súa concesión ao longo de tres convocatorias entre os anos 2015-2017, período no que se consignaron para ese fin 280. 000 euros, prevendo subvencións con contías entre os 3.000 e os 5.000 euros.

    Nin nas informacións que difunde o propio Goberno, nin nas páxinas web municipais, nin na Base de Datos Nacional de Subvencións figuran os datos concretos destas convocatorias, no tocanee ao seu número, persoas beneficiarias e as corespondentes contías –tal e como sinala a normativa estatal sobre subvencións e a relativa a transparencia, acceso á información pública e bo goberno-. Unha información que si se ten feito pública para outras subvencións, mesmo individuais e por importes inferiores aos 2.000 euros.

    En relación co ocultismo e a falta de transparencia sobre estas axudas, o Grupo Popular xa tiña presentado unha pregunta no Pleno mes de decembro limitada á convocatoria do ano 2017. Na súa resposta, a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, desvelou que a convocatoria quedara sen resolver e que, conforme ás bases, as solicitudes presentadas –arredor de 40 segundo se puido constatar con posterioridade- tiñan decaído sen que se outorgara ningunha axuda. A concelleira chegou a declarar que “asumía a responsabilidade” por esa situación.

    Na súa interpelación ante o Pleno desta semana, o Grupo Popular interésase polas accións do Goberno ante o “fiasco” da convocatoria de 2017, á comunicación ás persoas ou entidades solicitantes da neglixencia do Goberno, as “responsabilidades” que se tiñan asumido e os motivos por non ter dado a coñecer os detalles das concesións outorgadas nas anteriores convocatorias, así como as causas de non convocar as axudas o ano pasado, tendo en conta o interese despertado por estas axudas na súa primeira edición de 2015, cando –segundo anunciou o propio Goberno- se tiñan presentado máis de un cento de solicitudes, sen que ata o de agora se coñeza tampouco os resultados desa convocatoria nin a do ano seguinte.

    Para os Populares, non se pode entender a actitude do Goberno local respecto dunha das escasas iniciativas deste mandato que poderían supoñer un apoio real e efectivo para o emprendemento e a creación de emprego, posto a propia Compostela Aberta as definira como “unha liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento, apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello”.