>
  • As novas contratacións supoñen unha oportunidade para mellorar as condicións dos contratos e son unha oportunidade para o tecido empresarial, xa que poderán optar ao servizo novas empresas
  • O Popular explicou tamén que, “tras regular as concesións e para combater a calamitosa situación provocada pola falta de mantemento, incrementarán, desde o primeiro momento, as partidas orzamentarias para dispoñer dos recursos necesarios para actuar de inmediato nas deficiencias da cidade”
  • Neste senso, lembrou Hernández, “o actual Goberno non foi precisamente modélico, tal e como o demostran as queixas dos veciños, que denuncian a constante degradación dunha gran maioría destes servizos elementais”
  • En definitiva, aclarou Hernández, “o mantemento das infraestruturas e dos servizos básicos será unha das pedras angulares dun futuro Goberno popular, un compromiso capital para que a veciñanza vexa cumpridas as súas demandas e para que Santiago ofreza a imaxe dunha gran cidade e dun Concello onde o primeiro que se atende e soluciona son os servizos básicos” 
  • Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019. O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, presentou hoxe, en rolda de prensa, unha nova cláusula do seu contrato capital, na que reúne un conxunto de accións que darán resposta ás demandas e a recuperar o benestar e a imaxe da cidade e das parroquias do Concello.

    Hernández destacou que, “co fin de mellorar os servizos de conservación e mantemento imos regularizar e ordenar as concesións dos servizos que están prorrogadas e aquelas próximas a expirar”. As novas contratacións supoñen unha ocasión para optimizar as condicións dos contratos e son unha oportunidade para o tecido empresarial, xa que poderán optar ao servizo novas empresas.

    O Popular explicou tamén, que se os santiagueses lle outorgan a súa confianza o vindeiro 26 de maio, o seu equipo, tras regular as concesións e para combater a calamitosa situación provocada pola falta de mantemento, imos incrementar desde o primeiro momento e ano a ano, as partidas orzamentarias para dispoñer dos recursos necesarios para actuar de inmediato nas deficiencias da cidade”.

    Unha das principais competencias dun Concello é a que ten que ver co mantemento e a conservación dos “servizos básicos” nas prestacións que debe ofrecer unha administración local: vías públicas, beirarrúas, recollida e xestión de lixo, abastecemento e saneamento, zonas verdes ou iluminación. Neste senso, lembrou Hernández, “o actual Goberno non foi precisamente modélico, tal e como o demostran as queixas dos veciños, que denuncian a constante degradación dunha gran maioría destes servizos elementais”.

    Agustín Hernández explicou que as súas medidas centraranse “en atender a onde pisamos, polo que se ampliarán e mellorarán os servizos de mantemento de pavimentos e beirarrúas, así como a roza e limpeza das vías do rural”. No ámbito urbano, “ademais das tarefas de recuperación dos deteriorados pavimentos e firmes,  afrontaremos a reforma progresiva e integral de rúas, tendo especial atención O Romaño, Vite, Concheiros, rúa do Valiño e nos muros de contención de Fontiñas”.

    Procederase á rehabilitación de espazos, prazas e rúas na cidade vella; a eliminación de barreiras arquitectónicas; destinar importantes recursos económicos á mellora, mantemento e ampliación das vías de comunicación entre os núcleos de poboación e a incrementar os servizos de roza e acondicionamento, procurando a colaboración coa Xunta de Galicia, para actuar nos camiños forestais.

    Solucións en 72 horas

    Así mesmo, Hernández destacou que o seu equipo potenciará os servizos en liña para denunciar deficiencias na rede viaria, o que permitirá atender pequenas actuacións en calzadas e beirarrúas, que se solucionarán nun prazo máximo de 72 horas.

    Por outra banda, incidiu que se prestará especial atención para que no novo prego para a contratación do servizo de recollida e tratamento do lixo se inclúa unha estrutura que atenda a tres áreas diferenciadas: o núcleo histórico, a área urbana e a rural, para elo, “revisaremos as illas para a instalación dos colectores soterrados; fomentaremos o uso da compostaxe nos fogares; aumentaremos a dotación de colectores e implantaremos a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos e crearemos puntos limpos destinados aos residuos non orgánicos procedentes das explotacións agrarias, como o plástico de ensilado ou restos de maquinaria agrícola”.

    Durante a súa intervención, Agustín Hernández destacou que, de Gobernar o Concello de Santiago, introduciranse modificacións nos pregos para a nova concesión do servizo de abastecemento, saneamento e depuración, licitando o servizo cunhas condicións que permitan a súa adecuación ás novas necesidades; “acometeremos a progresiva renovación da rede de abastecemento naquelas zonas onde estea obsoleta; afrontaremos unha planificación específica para renovar a rede de abastecemento e saneamento no ámbito da Cidade Histórica”, aclarou.

    “Executaremos un conxunto de accións para evitar os riscos de inundacións e os asolagamentos que se producen en distintos puntos da cidade e, para dar resposta á gran demanda existente no rural, como xa anunciamos hai días, poñeremos en marcha un Plan Director e, mentres os servizos non cheguen ao rural, articularemos bonificacións nos impostos para compensar esa falta, con reducións de entre un 45% e un 90%” insistiu.

    Hernández aclarou que tamén as zonas verdes teñen que ver atendidas as súas necesidades, polo que os Populares executarán un Plan Director de Parques e Xardíns, para unha mellor xestión e coidado das mesmas e licitaranse a concesión dos servizos para o “mantemento conservación mellora dos espazos verdes e arborado urbano.

    Alameda santiaguesa

    Por outra banda, tamén se lle prestará a atención que merece ao Parque da Alameda e ao contorno da igrexa de Santa Susana, coa posta en marcha dun Plan Director específico para este símbolo da cidade e lugar de lecer e deporte da veciñanza e visitantes e, como xa anunciara tamén se procederá ao derrube da Casa da Xuventude para abrir o parque de Belvís á cidade.

    Por último, Hernández indicou que, este mesmo ano, procederase á licitación do contrato de “mantemento do alumado público, instalacións eléctricas dos locais municipais e instalación do alumado ornamental dos monumentos do Concello”, centrándose na seguridade e a eficacia.

    Para que todo isto funcione, o Popular remarcou que se creará un órgano de Auditoría e de Control das empresas concesionarias, dedicado a velar pola xestión, supervisión e inspección do funcionamento dos servizos públicos básicos: recollida de lixo, limpeza viaria, abastecemento e saneamento e iluminación pública. Ademais de fomentar a participación activa da cidadanía na xestión diaria municipal, recuperando a colaboración institucional como elemento central para a planificación e execución daqueles proxectos que transcendan do ámbito municipal, nos que o Concello de Santiago actuará de forma activa, asumindo a súa condición de capitalidade.

    En definitiva, aclarou Hernández, “o mantemento das infraestruturas e dos servizos básicos será unha das pedras angulares dun futuro Goberno popular, un compromiso capital para que a veciñanza vexa cumpridas as súas demandas e para que Santiago ofreza a imaxe dunha gran cidade e dun Concello onde o primeiro que se atende e soluciona son os servizos básicos”.