>
  • O programa estrutúrase en 12 apartados, que dan resposta a todas as áreas e necesidades, e no que se inclúen máis de 400 medidas a desenvolver ao longo dos vindeiros catro anos
  • O candidato Popular concretou que no documento presentado fíxanse “valores como a responsabilidade, o liderado, a lealdade institucional, o respecto ás tradicións e á identidade histórica, a eficiencia no gasto, o interese público, a colaboración intermunicipal ou o diálogo coa sociedade civil”
  • Hernández aclarou que “estas son as medidas principais na procura do Santiago Capital, orgullo da súa veciñanza e solidario coa súa contorna, que converterán ao noso concello no gran referente común para fortalecer a imaxe de Galicia en España e no mundo”
  •  

    Santiago de Compostela, 8 de maio de 2019. O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, presentou hoxe o programa co que se presentará ás vindeiras eleccións do 26 de maio, un documento que reúne as principais accións que o Partido Popular vai levar a cabo no vindeiros catro anos, con algunhas outras que terán continuidade ata o 2027, abarcando así dous fitos clave: os xacobeos de 2021 e 2027.

    Hernández destacou que se trata dunhas propostas concretas e realistas, concibidas a modo de contrato coa cidadanía, no que destacan 27 cláusulas contractuais que se corresponden con actuacións de especial transcendencia. “A nosa primeira tarefa será articular unha planificación en deferentes ámbitos para actuar e investir de forma racional, coordinada e eficiente, para atender as prioridades máis inmediatas e proxectar o Santiago Capital do futuro”, incidiu.

    O programa estrutúrase en 12 apartados, que dan resposta a todas as áreas e necesidades, e no que se inclúen máis de 400 medidas a desenvolver ao longo dos vindeiros catro anos.

    O candidato Popular concretou que no documento presentado plásmanse 10 principios reitores que guiarán a acción política, “nos que se fixan valores como a responsabilidade, o liderado, a lealdade institucional, o respecto ás tradicións e á identidade histórica, a eficiencia no gasto, o interese público, a colaboración intermunicipal ou o diálogo coa sociedade civil”.

    Agustín Hernández asegurou que, de acadar a alcaldía o vindeiro 26 de maio, o seu equipo traballará para lograr “unha administración do século XXI que responda e solucione as demandas da cidadanía” polo que entre as medidas previstas atópanse dar maior peso da atención ao cidadán; unha auditoría e control das empresas concesionarias; a avaliacións anuais de satisfacción dos servizos públicos; vantaxes para o pagamento de tributos e melloras nos controis de gastos e ingresos, entre outras.

    Neste apartado dedicado á xestión, os Populares inclúen tamén a “maior rebaixa fiscal da historia de Santiago”e novas accións para converter a Santiago nun referentes de innovación e de aplicación da xestión intelixente entre as Cidades patrimonio de España e de Europa.

    Mobilidade, a convivencia e a seguridade

    No eido da mobilidade, a convivencia e a seguridade no espazo público, Hernández explicou que se traballará no remate das grandes conexións da cidade; na humanización da rotonda de Conxo e accesos; a mellora do eixe entre a Praza de Galicia e a Intermodal e a reordenación da Avenida de San Caetano; tamén na mellora do transporte público; a posta en marcha dun Plan de Mobilidade, coa creación dunha ampla rede de vías peonís e ciclistas; o avance na peonalización de rúas; a construción do aparcadoiro no Campus Sur; o abaratamento de tarifas noutros aparcamentos; un plan para potenciar os aparcamentos de borde e un conxunto de medidas para incrementar a seguridade publica.

    Así mesmo, o programa contempla as medidas nas áreas de urbanismo, servizos básicos, medio ambiente, vivenda e rehabilitación, e equipamentos urbanos, cunha idea central de atender ás tres realidades de Santiago: núcleo histórico, casco urbano consolidado e amplo rural.

    Entre as medidas pódense destacar estarán a revisión consensuada do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2008; a adxudicación dos servizos de abastecemento e saneamento, e de xestión de residuos, con mellores prestacións e maior capacidade de control; e unha profunda transformación dos servizos de mantemento e conservación de vías e beirarrúas do Concello, entre outras accións.

    O programa que presentou hoxe Agustín Hernández tamén está protagonizado polo deporte, polo que recolle accións para contribuír á potenciación do deporte entre a cidadanía, creando unha nova estrutura de xestión única que rendabilice as instalacións existentes, ás que engadiremos un novo complexo en Santa Marta e a mellora de San Lázaro cunha pista de atletismo homologada. Ademais do deporte de base, “ampliaremos tamén o apoio ao deporte federado e de elite, con compromisos como o feito co Obradoiro de destinar un 3% do gasto capital do Concello á súa promoción e crearemos un equipo para a captación de eventos que axuden a potenciar a cidade e desestacionalizar o turismo”, incidiu.

    Un Concello inclusivo

    Para Hernández, o “pluralismo do benestar” serán uns dos grandes protagonistas da súa política, para o que “daremos maior realce ás entidades do terceiro sector, con grandes coñecementos e experiencia, polo que se mellorará a xestión; e adaptarase a Renda Básica municipal ás verdadeiras necesidades”.

    No eido da igualdade, poñeremos en marcha un conxunto de accións para avanzar na especialización, na coordinación e na transversalidade dentro do Goberno, polo que crearemos un equipo interdisciplinar de profesionais contra as desigualdades e a violencia de xénero, e potenciaremos a corresponsabilidade, a conciliación e a racionalización de horarios.

    En materia de educación, o documento vai máis alá das limitadas competencias que os concellos teñen asignadas, coa elaboración dun plan global para actuacións de mellora nos espazos educativo, de actividades no espazo comunitario e colectivo e con medidas para a creación dun espazo solidario e integrador arredor dos centros educativos, para fortalecelos como un espazo comunitario e social, apostando pola difusión e coñecemento do medio máis próximo.

    Tamén se abordará a acción cultural, como un dos sinais de identidade do Concello, desde a perspectiva, tanto do patrimonio cultural construído, como dos equipamentos e o patrimonio inmaterial e no Casco Histórico procederase ao remate da revisión do Plan Especial do Casco Histórico e desenvolvemento do Plan de Xestión, con criterios de consenso e racionalidade; a execución dun Plan de Choque para a revitalización do Casco Histórico e asignaráselle o 1% do orzamento municipal en materia de investimentos para a recuperación e rehabilitación de edificios ou bens de singular interese histórico-artístico, civil ou etnográfico, entre outras medidas.

    Por un rural capital

    O mantemento, potenciación e modernización do conxunto de parroquias que constitúen o rural son o centro do décimo apartado do programa, dirixido a sentar as bases para o necesario equilibrio interterritorial.

    Así mesmo, prográmanse medidas para facer un Concello máis atractivo para traballar, para investir e tamén para visitar, polo que se aplicarán accións de carácter xeral, e comercial, ademais de no ámbito turístico.

    O programa que presentou Agustín Hernández remata cunha proposta que engloba todas as anteriores, como é a de destacar o papel de Santiago como cabeceira da área central de Galicia e capital da Comunidade Autónoma, polo que “no camiño de fortalecer esa condición, que é o principal motivo da nosa candidatura para un “Santiago Capital”, traballarase na recuperación do diálogo, a cooperación e a colaboración institucional para proxectos supramunicipais que Santiago deberá abandeirar”.

    O voceiro Popular destacou que se traballará para acadar a articulación de servizos eficientes e de intereses comúns cos concellos veciños, creando un amplo territorio de oportunidades entre as dúas grandes áreas urbanas do norte e sur de Galicia. Nesa dirección un primeiro paso sería o servizo de extinción de incendios, que propoñemos activar desde o Goberno canto antes, e a reactivación e impulso da asociación “´Área Santiago”.

    Finalmente, Hernández aclarou que “estas son as medidas principais na procura do Santiago Capital, orgullo da súa veciñanza e solidario coa súa contorna, que converterán ao noso concello no gran referente común para fortalecer a imaxe de Galicia en España e no mundo”.