>
  • Nun primeiro momento serviría para o transporte público e o acceso regulado de vehículos ás zonas peonís para, posteriormente ampliarse á relizacion de trámites municipais e acceso a instalacións deportivas, museos, centros culturais
  • Na medida en que tecnicamente sexa posible ampliaríase mesmo ao pagamento de servizos como a ORA, actuando como tarxeta moedeiro, e a integrar nela as prestacións sociais
  • Os destinatarios sería preferentemente as persoas empadroadas no Concello, aínda que tamén se prevé a incorporación de persoas doutros concellos a determinados servizos, “na liña de estreitar a colaboración e fortalecer alianzas”
  • Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019. O Partido Popular de Santiago inclúe no seu programa, como unha das cláusulas prioritarias do contrato proposto polo candidato Agustín Hernández, a creación dunha tarxeta “Santiago Capital” para aunar nela as diferentes prestacións que ofrece o Concello de Santiago na actulidade e as que se prevén incorporar para o novo mandato.

    Tendo en conta que son moitos os servizos que o Concello de Santiago ofrece á veciñanza, ben sexa en forma de prestacións ou axudas, que requiren dun xustificante documental que cada persoa debe levar consigo para acreditar o seu recoñemento, a proposta é unificar nun só soporte os servizos municipais aos que cada persoa ten dereito, coa creación dunha tarxeta intelixente multiservizo que, de forma progresiva, poida ir integrando nela a información doutras tarxetas ou documentos municipais xa existentes.

    Esta medida sería de gran utilidade para a cidadanía, que non precisaría portar máis que un único documento na súa carteira, e tamén para a Adminsitración local que tería reunido, en formato dixital, a información relativa ao uso, seguimento e demais pormenores da xestión de moitos dos seus servizos públicos.

    Esta nova tarxeta cidadá, individual e intransferible, iniciaría a súa andadura no terreo da mobilidade permitindo o acceso ao transporte público e tamén o acceso regulado de vehículos ás zonas peonís, para posteriormente irse apliando a outras áreas, na medida en que tecnicamente sexa posible.

    A intención inicial é que con esta mesma tarxeta, nunha segunda fase, se poidan realizar trámites municipais, acceder ás instalacións deportivas, a museos, bibliotecas, centros culturais ou calquera equipamento municipal no que se precise entrada.

    Tamén se trataría incorporar a posibilidade de realizar o pagamento de servizos (actuando como tarxeta moedeiro) en servizos como a ORA ou aparcamentos públicos, taxis/eurotaxis, abonar determinadas actividades (música, teatro…), ou o alugueiro de bicicletas. Tamén se poderían integrar nela os dereitos de prestacións sociais e mesmo outras actividades como o seguimento de campañas de prevención e promoción da sáude.

    A tarxeta estará dirixida prefentemente ás persoas empadroadas en Santiago, pero tamén se prevé a posibilidade de que accedan a ela –cando menos a uns determinados servizos- as persoas dos concellos limítrofes, que xa na actualidade gozan dalgúns servizos que se ofrecen desde o Concello de Santiago.

    “Santiago Capital” actuaría así como un elemento de identificación e de identidade para os santiagueses e santiaguesas, pero tamén un vínculo de unión e de irmandade para persoas residentes noutros concellos, na liña que propugna a candidatura de Agustín Hernández de estreitar a colaboración e fortalecer alianzas entre concellos para a prestación e desfrute duns servizos públicos cada paso mellores e máis accesibles.